publicidade hoxe

Galicia e Canarias buscan sinerxías en materia de disciplina urbanística no marco do primeiro webinario conxunto dirixido a funcionarios autonómicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Un total de 65 funcionarios da Xunta e do Goberno de Canarias participaron no primeiro foro dixital sobre disciplina urbanística organizado conxuntamente pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e a Axencia Canaria de Protección do Medio Natural, organismos que teñen atribuídas legalmente competencias en materia de urbanismo nos seus respectivos territorios e que actúan por delegación das entidades locais adheridas.

O director da APLU, Jacobo Hortas, e o director da Axencia Canaria de Protección do Medio Natural, Ángel Fariña, lideraron este foro dixital, ao que asistiu persoal de ambos organismos con formación xurídica e técnica na materia, e entre os que se atopaban delineantes, arquitectos, arquitectos técnicos e persoal xurídico, entre outros.

Entre os temas abordados figuran aspectos relacionados coa organización da inspección urbanística, o tratamento das denuncias anónimas, as actuacións en fase informativa ou a tramitación dos procedementos de reposición da legalidade urbanística e sancionadores.

Os técnicos da Axencia canaria, pola súa parte, expuxeron os principais medios materiais nos que se apoian para detectar irregularidades urbanísticas no arquipélago, como o uso de drons e de visores que localizan e marcan automaticamente calquera cambio construtivo que se produce no territorio. A este respecto, a APLU tamén subliñou que en Galicia se está a aplicar tamén o uso de drons no eido da inspección urbanística, ao tempo que se dispón de ferramentas cartográficas de última xeración, facilitadas polo Instituto de Estudos do Territorio.

O encontro rematou co compromiso de organizar un novo webinar proximamente para seguir compartindo medios e información relativos ás formas máis efectivas para concienciar e defender a valía natural, paisaxística e cultural de ambas rexións.

Cómpre lembrar que este é o segundo encontro dixital impulsado entre Galicia e outra comunidade autónoma no eido da disciplina urbanística, despois da celebración dun webinar coa Axencia de Defensa do Territorio de Mallorca o pasado mes de maio.

10 de novembro de 2022 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.