publicidade hoxe

Esgótanse os 20.000 vales de Bono Cultura da Xunta que xa poden empregarse en máis de 400 establecementos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia esgota os vales do Bono Cultura que se poderán empregar desde hoxe e ata finais de ano nos máis de 400 establecementos adheridos a esta iniciativa. Así, os usuarios que contan con Bono Cultura poderán gozar de descontos ata o 31 de decembro. Trátase dun vale por valor de 50€ co que terá un desconto do 50% en cada compra de produtos culturais como música gravada en CD ou vinilo, produtos audiovisuais como películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos, entradas para museos, casas museo ou para salas de cine, concertos, música e espectáculos escénicos, entre outras.

En total distribuíronse 20.000 bonos coa intención de mobilizar 2M€ este outono no sector cultural. Polo de agora son xa máis de 400 as empresas adheridas, que poden seguir sumándose ata o 14 de novembro a través de bonocultura.gal, onde tamén se pode consultar a listaxe actualizada de establecementos participantes.

Neste senso, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, celebra a boa resposta dos cidadáns e das empresas que reflicte “o enorme interese por gozar da cultura”. “Os galegos volven demostrar unha vez máis o seu compromiso coa cultura e que esta é unha medida de éxito para dinamizar o consumo deste outono entre todas as franxas de idade e especialmente no actual contexto económico de suba de prezos”, afirma.

Avanzar na reactivación e o crecemento

Na liña do apoio á cultura, o Goberno galego reforza nos orzamentos para o vindeiro ano o seu compromiso co sector cun incremento do 8,5% ata superar os 104 millóns de euros. Así, tras ter superado o máis duro da pandemia, as contas do vindeiro ano permitirán impulsar programas para avanzar na reactivación e crecemento das industrias culturais e creativas galegas.

En concreto inclúense medidas como o Plan Xeración Cultura, para implantar proxectos presentados polo sector no marco do proceso conxunto de elaboración da candidatura do PERTE; a creación dun novo programa de internacionalización e dixitalización do sector literario de Galicia ou o desenvolvemento do plan de danza, así como o arranque das xestións para a posta en marcha da Galicia Film Commission.

Ademais, as contas do vindeiro ano tamén están dirixidas a reforzar o acceso á cultura da cidadanía a través dos museos, bibliotecas e arquivos coa ampliación do programa de Bibliotecas Móbiles e o aumento do investimento das actividades dos museos de xestión da Xunta.

2 de novembro de 2022 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.