publicidade hoxe

A Xunta ultima as guías monográficas da paisaxe sobre carteis publicitarios e instalacións portuarias para a súa presentación antes de que remate 2022

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta ultima a elaboración das guías monográficas da paisaxe sobre carteis publicitarios e instalacións portuarias para a súa presentación antes de que remate 2022, segundo avanzou o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, en comisión parlamentaria.

“Son manuais de boas prácticas que facilitan unha aplicación correcta das disposicións legais existentes, fomentando así prácticas axeitadas no desenvolvemento de cada tipo de intervención que se desexe facer acorde ao seu contido”, lembrou o director do IET.

Nesa liña de mellorar a xestión e conservación dos recursos patrimoniais de gran valor, a Xunta está a elaborar a Guía de boas prácticas nos carteis publicitarios, cuxo obxectivo é establecer criterios e directrices a aplicar na instalación de letreiros e rótulos anunciadores nos inmobles galegos para evitar que se deteriore a paisaxe.

No que atinxe á Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das instalacións portuarias da Xunta -elaborada coa colaboración de Portos de Galicia e do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos-, permitirá preservar e mellorar a “excepcional paisaxe” que rodea as diferentes edificacións que se atopan no ámbito portuario.

Ademais, De Salvador anunciou que tamén se están a preparar guías en materia de integración paisaxística de áreas empresariais, de contedores de residuos e de instalación de terrazas no espazo público. A súa presentación estaría prevista para o primeiro semestre de 2023.

12 guías monográficas, un visor interactivo e un atlas

Estas novas publicacións formarán parte da Colección Paisaxe Galega, que conta xa con 12 guías editadas: Guía de estudos de impacto e integración paisaxística, Guía de criterios de sustentabilidade e integración paisaxística dos establecementos de acuicultura litoral, Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais, Guía boas prácticas de intervención en sistemas praia – duna, Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, Guía de cor e materiais de Galicia, Guía de estudos da paisaxe urbana, Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos, Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das actividades extractivas, Guía da paisaxe no tempo, Guía de boas prácticas para a identificación e acondicionamento de miradoiros e Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das redes de abastecemento de auga potable.

A maiores, De Salvador lembrou que no marco desta colección, o Instituto de Estudos do Territorio tamén desenvolveu un visor interactivo con 52 rutas en bicicleta e o recentemente presentado Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos, un traballo detallado que permite facer un percorrido visual polos 1.500 quilómetros de Camiño que temos na Comunidade así como dar a coñecer e poñer en valor a riqueza paisaxística galega.

O director do IET salientou que estas guías demostraron ser unha ferramenta efectiva para contribuír á conservación e ao mantemento das paisaxes onde se aplican ademais de terse constatado a aplicación práctica das recomendacións que recollen, atendendo a natureza e tipoloxía das intervencións que se citan nos proxectos que teñen que someterse a informe pola lexislación vixente en materia de territorio e paisaxe.

Para concluír, De Salvador subliñou o obxectivo de continuar con esta iniciativa no futuro para homoxeneizar criterios e boas prácticas na planificación e deseño de futuras intervencións sobre o territorio para protexer e potenciar o valor ambiental e cultural da paisaxe así como o seu papel de elemento integrador.

11 de novembro de 2022 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.