publicidade hoxe

A Xunta pacta cos sindicatos un novo acordo para desenvolver a carreira administrativa dos empregados públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello autorizou na reunión desta mañá a sinatura dun novo acordo para desenvolver a carreira administrativa dos empregados públicos no eido da Administración xeral, un sistema voluntario e consolidable de carácter ordinario e extraordinario que recoñece o desempeño do empregado público e a súa formación continua. “Trátase dunha reivindicación histórica entre uns profesionais nos que se busca valorar a experiencia como un activo fundamental”, destacou.

O obxectivo da carreira profesional é, segundo resaltou, “impulsar a motivación e a formación continua” dos empregados públicos a través de complementos que se irán aplicando a medida que progresen na súa carreira. “Estes pluses oscilarán entre 801 e 2.589 € ao ano segundo a categoría profesional”, indicou.

Este acordo acadado coas organizacións sindicais CC.OO., UXT e CSIF e que será asinado nos vindeiros días ten o obxectivo de repoñer os dereitos que xa estaban establecidos no histórico Acordo de concertación social asinado no ano 2019, con UXT e CC.OO. para a mellora do emprego público.

Este acordo recollía, por primeira vez, a implantación dun sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, sistema que foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por instancia da Confederación Intersindical Galega (CIG). O obxectivo do Goberno galego con este novo acordo é que esa sentenza non prexudique os empregados públicos.

A carreira administrativa ten vocación de estenderse a todos os servizos públicos autonómicos, e dá resposta a unha reivindicación histórica das organizacións sindicais. O obxectivo primordial deste sistema é favorecer a motivación dos empregados públicos e a súa mellor formación, nunha época de grandes cambios tecnolóxicos e organizativos.

Ademais, o Consello da Xunta tamén autorizou o acordo entre o Goberno galego e os sindicatos CC.OO. e UXT polo que se establece un complemento equivalente para o persoal laboral. Deste xeito, o sistema de carreira administrativa estará aberto a todos os empregados públicos (funcionarios e laborais) e independentemente de que sexa persoal fixo ou temporal.

Réxime ordinario e extraordinario

O sistema de carreira administrativa contará con dous réximes de aplicación: un réxime ordinario cun grao inicial e catro graos máis, aos cales se accederá cunha determinada permanenza no grao anterior sempre que se cumpran os requisitos. Para acceder ao grao I é necesaria unha antigüidade de cinco anos desde a adquisición do grao inicial; seis anos desde a adquisición do grao I para o acceso ao grao II (igual que para acceder do grao II ao III); e sete anos desde adquisición do grao III para acceder ao grao IV.

En canto ao réxime extraordinario, ten a finalidade de adiantar os tempos e que os empregados públicos cunha maior antigüidade poidan acceder anticipadamente aos distintos graos.

Para poder progresar na carreira terase en conta, entre outros criterios, a actividade profesional, a formación e innovación, a implicación e o compromiso coa organización ou a participación en iniciativas e programas especiais, en liñas de traballo específicas ou transversais, en procesos de cambio e na implantación de novos sistemas.

Administración de Xustiza

O Consello da Xunta tamén aprobou hoxe o proxecto de acordo entre o Goberno galego e as organizacións sindicais para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, “que vai beneficiar 2.700 traballadores públicos”, segundo anunciou Rueda. O acordo, alcanzado por unanimidade na mesa sectorial, supón un incremento respecto ao acadado en 2020 de algo máis de 1,3M€ para este ano e de 1,2M€ para 2023. Con estes aumentos, a Xunta destinará o vindeiro ano 5,7M€ aos pagamentos vinculados ao desenvolvemento da traxectoria profesional.

Segundo o texto aprobado, antes de que finalice este ano abrirase unha nova convocatoria para que o persoal funcionario de carreira e interino ao servizo da Administración de Xustiza poida solicitar un novo grao I ou o grao II da traxectoria profesional. Permíteselles así a estes traballadores dos corpos de médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial avanzar na traxectoria profesional e mellorar as condicións económicas.

O obxectivo é seguir a avanzar no desenvolvemento da traxectoria profesional, co compromiso firme da Xunta de Galicia con este persoal de corpos nacionais. Cómpre salientar que desde 2009 o cadro de persoal da Administración de xustiza en Galicia medrou un 20 %. Así, “tras a aprobación de 57 novas prazas en 2022”, para o vindeiro ano está xa prevista a creación “doutras 24 prazas”, segundo explicou o presidente autonómico, para dotar do persoal necesario os tres novos xulgados que se porán en marcha o próximo ano na comunidade, os xulgados de Primeira Instancia número 6 de Lugo, número 15 da Coruña e número 16 de Vigo.

Persoal do Servizo Galego de Saúde

Hai poucos días tamén se acadou un acordo coas organizacións sindicais para que o persoal temporal do Servizo Galego de Saúde se integre na carreira profesional, un acordo que beneficiará a 16.000 traballadores sanitarios. Isto suporá unha suba do 6% nas remuneracións, é dicir, 3.200 euros máis ao ano para os médicos e 2.000 euros máis no caso dos enfermeiros.

3 de novembro de 2022 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.