publicidade hoxe

A Xunta investirá o ano que vén preto de 5 M€ para impulsar as plantacións de castiñeiros e a mellora dos soutos tradicionais apostando polas accións de xestión conxunta

O conselleiro do Medio Rural clausurou o acto de presentación do proxecto tecnolóxico

O conselleiro do Medio Rural clausurou o acto de presentación do proxecto tecnolóxico

A Xunta investirá preto de 5 millóns de euros en 2023 para aumentar a superficie ocupada polo castiñeiro e impulsar a recuperación dos soutos galegos. En concreto, 3,8 millóns irán destinados a axudas para novas plantacións e para a restauración de soutos tradicionais, mentres outro millón irá dirixido a accións modelo de mellora de soutos a través de convenios con asociacións de xestión conxunta. Así se destacou no acto de presentación do proxecto tecnolóxico para a valorización sustentable da madeira das masas de frondosas caducifolias de Galicia, no que a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) inviste 730.000 euros. Un acto que clausurou o conselleiro do Medio Rural, José González, e no que estivo acompañado polo director da XERA, Jacobo Aboal, e polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

A iniciativa presentada hoxe -que se centrará en especies coma o carballo ou o castiñeiro- servirá de base técnica para a elaboración posterior dun Plan galego de valorización sustentable da madeira de frondosas caducifolias, que se prevé ter realizado no primeiro trimestre de 2025. O proxecto tecnolóxico recolle ata unha decena de accións diferentes para incidir no aproveitamento de masas de pequeno porte e baixa calidade, de forma que -a través de operacións silvícolas- estas se convertan en masas con madeira de alta calidade.

Para seguir dándolle pulo ao sector, o Goberno galego prevé investir ata 23 millóns de euros repartidos entre 2023 e 2024 co gallo de promover novas plantacións de castiñeiro, accións silvícolas de prevención, primas de mantemento e a restauración de soutos, entre outras. Así mesmo, habilitaranse novas liñas de achegas cun importe de 11 millóns para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais.

No marco do Plan Forestal 2021-2040, e -máis especificamente- do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, cabe lembrar que se persegue recuperar 8.000 hectáreas de soutos e plantar 16.000 ha novas de castiñeiro, enmarcadas nas 425.000 hectáreas ocupadas por frondosas que se busca acadar en 20 anos. Así mesmo, a superficie de frondosas caducifolias obxecto de xestión activa mediante tratamentos silvícolas prevé incrementarse ata as 20.000 ha, no horizonte do Plan forestal.

Na súa intervención, José González tamén aludiu á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, cuxos polígonos agroforestais ou aldeas modelo están apostando polos diversos usos forestais e aos que haberá que sumar tamén as potencialidades das agrupacións de xestión conxunta.

2 de novembro de 2022 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.