publicidade hoxe

A Xunta incrementa o vindeiro ano nun millón de euros a contía destinada ao Plan Anual da Cooperación Galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Plan Anual da Cooperación Galega disporá en 2023 dun orzamento de case 9M€, un 14% máis ca este ano e suma máis dun millón de euros con respecto a 2022. Así llo informou o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, aos representantes da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais (CGONGD) para o Desenvolvemento, nun encontro no que tamén participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. A xuntanza serviu para afondar nas previsións de actuacións que se incluirán no Plan anual da cooperación galega en 2023, así como nas demandas da organización de cara ao novo período de planificación, 2023-2026.

Coa suba establecida para 2023, o orzamento destinado pola Xunta de Galicia á cooperación para o desenvolvemento acumula un incremento superior ao 77% desde 2018, primeiro ano de vixencia do IV Plan Director da Cooperación Galega, cando contaba con 5M€. Neste sentido cómpre salientar que o aumento do vindeiro ano é o segundo máis significativo do período de seis anos transcorrido e case triplica o deste ano con respecto a 2021.

A Xunta pon así de manifesto o seu compromiso co sector galego de cooperación ao desenvolvemento, co que ademais vén colaborando a través da Coordinadora Galega de ONGD desde 1997 a prol da sensibilización e o fortalecemento institucional. Esta cooperación materialízase a través de convenios anuais, dotados desde 2020 con 100.000 euros. Tamén cabe destacar que o Goberno galego vén destinando máis dun 80% do orzamento operativo de gastos a convocatorias publicas de axudas, das que as ONGD son as principais beneficiarias.

Novo Plan Director da Cooperación Galega

Na xuntanza mantida hoxe abordouse tamén o proceso para a elaboración participativa do V Plan Director da Cooperación Galega, no que xa se comezou a traballar coa constitución dunha comisión dinamizadora formada por membros do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode).

Tal e como destacou Diego Calvo, o obxectivo é darlle a máis ampla participación posible aos axentes de cooperación, ademais de convidar os partidos políticos con representación parlamentaria a realizar achegas. A previsión é ter un anteproxecto xa en decembro deste ano. Canto ao orzamento para o novo Plan, a Xunta propón dotalo cun volume anual de fondos que como mínimo será equivalente aos case 9M€ presupostados en 2023.

2 de novembro de 2022 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.