publicidade hoxe

A Xunta incrementa nun 21 % o investimento destinado á economía social en 2023 que alcanzará os 42 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

As contas de Promoción do Emprego e Igualdade incrementarán en case un 21% o investimento destinado á economía social en 2023, ata chegar aos 42 millóns de euros. Así o detallou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, no encontro que mantivo en Santiago de Compostela con representantes da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (Coceta) e a Unión de Cooperativas Galegas (EspazoCoop), logo de percorrer a etapa final do Camiño de Santiago no marco dun encontro estatal que se celebra estes días baixo o lema Somos cooperativas, somos camino.

Na xuntanza, Lorenzana sinalou que 27 de cada 100 euros da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social destinaranse a este modelo empresarial para consolidar iniciativas empresariais e crear emprego ligado a este ámbito. Especificou que de cara ao vindeiro ano poranse en marcha novos programas como as aceleradoras de emprendemento que permitirán recuperar negocios sen relevo xeracional a través de fórmulas de economía social, ao tempo que se incidirán en iniciativas que aposten pola transformación dixital destas entidades e que reforcen a visibilización das potencialidades desta fórmula de negocio, así como a interconexión entre os seus participantes.

No ano en que Santiago de Compostela ostenta a capitalidade da economía social española, Lorenzana sinalou que a Xunta reforza o seu compromiso por este eido que favorece a incorporación da mocidade ao mercado laboral e impulsa empresas que resisten a situacións de crise, creando postos de traballo estables e de calidade. Así mesmo, sinalou que a economía social está a dar resposta aos retos demográficos actuais, atraendo servizos e actividades a zonas rurais, fixando poboación; e está a fomentar a igualdade (en Galicia, as mulleres ao fronte de novas cooperativas supoñen xa o 50,79%).

A conselleira tamén referiuse aos beneficios que crea este modelo empresarial ao apuntar que 18 cooperativas galegas sitúanse entre as máis relevantes de España, cunha facturación anual que ascende a 1.715,6 millóns de euros e xera 4.235 postos de traballo.

Lorenzana, así mesmo, indicou que “apostar pola economía social é avogar polo noso talento, pola nosa terra e por un mercado laboral con garantes de futuro”, polo que sinalou que a Xunta aspira a seguir unindo sinerxías e mantendo unha colaboración público-privada entre administracións e entidades. Agradeceu, para rematar, o labor diario de Coceta, a organización máis representativa do sector, e de EspazoCoop, piar fundamental do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal).

7 de novembro de 2022 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.