publicidade hoxe

A Xunta destinará o vindeiro ano 4,8 M€ ás bonificacións e conxelación das peaxes das autoestradas autonómicas, o que beneficiará a 26.500 usuarios cada día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará en 2023 4,8 millóns de euros á bonificación e conxelación das peaxes das autoestradas autonómicas, A Coruña- Carballo (AG-55) e Vigo-Baiona (AG-57), o que suporá beneficiar a 26.500 usuarios cada día.

Así o detallou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que compareceu esta mañá na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para presentar as contas do departamento para 2023, que ascenden a 283,8 M€, 13 M€ máis que o presente exercicio.

Explicou que nos Orzamentos do próximo ano aumenta nun 86% a partida dirixida a continuar coas bonificacións que se veñen aplicando nas autoestradas autonómicas -por recorrencia, a familias numerosas e en horario nocturno- e a conxelar o prezo das peaxes, contribuíndo, deste modo, a moderar os efectos da inflación no peto das familias, evitando unha suba do 7,3% nas peaxes derivada do IPC o vindeiro 1 de xaneiro.

Francisco Menéndez lembrou que xa en 2022 a Xunta decidiu limitar a suba derivada do IPC ao 2,5%, fronte ao 5% que lle correspondería, asumindo a Xunta a metade dese incremento.

Deste xeito, incidiu, as autoestradas autonómicas seguirán a ter as tarifas máis baixas da comunidade e continuarán estando entre as máis baratas de España algo que, dixo, é previsible que suceda coas autoestradas estatais AP-9 ou coa AP-53, ao non prever o Goberno de España unha medida similar á que aplicará a Xunta nas autoestradas da súa titularidade.

Lembrou que, a día de hoxe, e aínda coas bonificacións implantadas, a autoestrada estatal AP-9 segue a ter un custo medio por quilómetro para os usuarios de 6,12 céntimos, mentres que nas autoestradas autonómicas ese custo medio é de 5,67 céntimos. Ademais, no caso da outra autoestrada estatal, AP-53, ten o custo máis alto de Galicia, con 7,77 céntimos por quilómetro, e tamén se sitúa no máis alto do conxunto de España.

Partidas específicas para a xestión de pontes, muros e noiros

O director da Axencia Galega de Infraestruturas destacou como novidade nos Orzamentos de 2023 a disposición dunha partida específica que ascende a 4,6 M€ para a xestión de pontes, muros e noiros das estradas autonómicas. Trátase de darlle continuidade a esta iniciativa que vén aplicando a Xunta e se centra na avaliación da seguridade e do estado destas infraestruturas nas estradas de titularidade autonómica.

Explicou que é a primeira vez que se diferencia e programa de xeito específico o gasto para estas tarefas que, ademais, dixo, contarán co apoio de fondos europeos para o caso dos labores de inspección de muros e noiros, vinculados ao efecto do cambio climático. Incidiu, ademais, en que a inspección e o mantemento preventivo dos elementos estruturais das estradas debe ser unha prioridade para calquera xestor destas vías, como recentemente se puxo de manifesto co caso do colapso do viaduto da A-6.

Francisco Menéndez remarcou que a seguridade viaria seguirá a ser, tamén o vindeiro ano, unha das máximas prioridades para a Consellería para o que destinará case 50 M€ á conservación das estradas autonómicas, a continuar co Plan de reforzo de firmes, á conservación ordinaria e á vialidade invernal ou á Estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes.

Vías de alta capacidade

Ademais, a Xunta continuará avanzando na vertebración do territorio a través do impulso de novas vías de alta capacidade libres de peaxe. Neste sentido, Francisco Menéndez lembrou que nunhas semanas, este mesmo mes, se porá en servizo a 1ª fase da autovía Nadela- Sarria, entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro; e que as contas de 2023 recollen unha partida de 2 M€ para avanzar na redacción e tramitación do proxecto da seguinte fase.

Adiantou, ademais, a posta en marcha na primavera do tramo da autovía Tui-A Guarda, entre o polígono de Areas e a A-55, consignándose no vindeiro exercicio 6,7 M€ para impulsar o treito ata a PO-350.

Tamén, dixo, a Vía Ártabra verá rematado o enlace coa N-VI, grazas a un orzamento de 13,15 M€; e a VAP da Costa Norte recibirá un impulso, con 10 M€ presupostados para avanzar na tramitación e licitación das obras do treito AG-64-Sanguiñeira.

Para a AG-59, entre A Ramallosa e A Estrada, resérvanse 6 M€ co fin de licitar as obras do treito entre A Ramallosa e a AC-241; e impulsarase a conversión en autovía da VAC Brión – Noia, con 1 M€ previstos no vindeiro exercicio.

As contas autonómicas inclúen unha partida de 4,5 M€ para a vía de altas prestacións Baio-Berdoias, continuando así a autovía da Costa da Morte.

Ademais, contan con partida orzamentaria específica a execución de variantes de estradas autonómicas ao seu paso por núcleos de poboación, o que permitirá avanzar nos proxectos e no posible na execución de obras das variantes de Carballo, Ribeira, a Ronda Leste de Lugo ou a circunvalación Este de Ourense, no treito Bemposta-N-525.

Mellora das comunicacións no rural

Dada a discriminación do rural por parte do Goberno central no reparto de Fondos Next Generation destinados á mobilidade, a Xunta incrementará o esforzo inversor no acondicionamento de estradas autonómicas para o servizo de todo o territorio, non só das cidades, segundo relatou Francisco Menéndez.

Destacou, nesta liña, a mellora da mobilidade das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e a Mariña, coa previsión de licitar nas vindeiras semanas a 2ª fase do acondicionamento da AC-862 e iniciar a mellora da LU-540 para facilitar as comunicacións de Viveiro e a Mariña.

Tamén avanzou traballos de acondicionamento das estradas AC-406 entre Portomouro e Santa Comba; na LU-651 entre Folgoso do Courel e Seoane; na LU-231 entre Palas de Rei e Friol; na OU-533 entre Valdeorras e A Gudiña; ou na OU-603, na Rúa.

Mobilidade sostible

En relación á mobilidade sostible, o director da Axencia Galega de Infraestruturas sinalou que a Xunta continuará desenvolvendo o Plan de Sendas de Galicia nas comarcas de Baixo Miño, Condado, Deza, Sarria, Lemos, Barbanza ou Noia.

Apuntou que no Orzamento do departamento tamén se recollen as actuacións de fomento da mobilidade sostible nas fachadas marítimas de Ferrol e Vigo, sumando 11,8M€ de investimento.

Ademais, prevese o desenvolvemento de itinerarios nas grandes contornas urbanas, como en Santiago, un itinerario de 10 km entre O Milladoiro, Conxo, a intermodal, o CHUS e San Caetano, cun investimento de 12 M€; ou en Ourense, a conexión entre a intermodal, a Ponte Vella, o CHUO e Expourense, que suporán un investimento de 8,2 M€.

En Pontevedra prevense actuacións por importe de 10,6 M€, concretamente a transformación da estrada PO-546, entre Marín e Pontevedra; ou as obras na contorna do CEIP de Xeve. En Vigo, destacou a humanización da avenida de Galicia, cuxa 1ª fase está a piques de licitarse.

Encomendas de infraestruturas sanitarias

Francisco Menéndez tamén debullou as actuacións no eido sanitario que acometerá o departamento que dirixe, para o que se consignan as partidas necesarias nos Orzamentos da Consellería de Sanidade. Lembrou, nesta liña, que a Axencia Galega de Infraestruturas está a contribuír a construír sanidade pública, encargándose da execución de 390 M€ de investimentos en obra sanitaria.

Entre as actuacións previstas para o 2023 no ámbito hospitalario, citou o novo CHUAC da Coruña, a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a reforma do Arquitecto Marcide de Ferrol, a ampliación do Hospital Público Montecelo ou o novo edificio de hospitalización e de reforma do materno-infantil do hospital de Ourense.

No que respecta ás obras dos Centros Integrais de Saúde, indicou que as contas recollen partidas para a execución, por parte da Axencia Galega de Infraestruturas do CIS de Ourense, de Lugo, de Lalín e o Olimpia-Valencia de Vigo.

Ademais executaranse novos centros de saúde en Abegondo, Boborás, Muíños, no barrio lucense da Milagrosa, en Vilagarcía de Arousa ou na Rúa.

4 de novembro de 2022 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.