publicidade hoxe

A Xunta convocará un novo concurso para a adxudicación de máis de 33.000 m2 de solo urbanizado para a construción de vivenda protexida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia convocará un novo concurso público para a adxudicación de 17 parcelas que suman máis de 33.000 metros cadrados de solo residencial urbanizado nos concellos da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra, que deberán destinarse á construción de vivendas protexidas.

Este concurso incluirá como novidade a posibilidade de que as parcelas se poidan adxudicar en dereito de superficie, cunha duración de 60 anos e a obriga por parte dos promotores de que as vivendas se destinen a alugueiro. Esta opción verase reforzada pola próxima convocatoria de axudas para a promoción en solo público de vivendas en réxime de alugueiro durante un período mínimo de 50 anos. A convocatoria destes incentivos terá unha dotación de 16,12 millóns de euros financiados con fondos europeos.

Os adxudicatarios de solo en dereito de superficie pagarán un canon anual equivalente ao 0,1% do prezo de venda da parcela, cunha revisión anual segundo o IPC. Tamén poderán solicitar unha carencia no pago de dous anos.

Ademais e ao igual que en convocatorias anteriores, o solo ofertado tamén poderá adxudicarse en réxime de compravenda. Neste caso, o prezo das parcelas fixarase en función do réxime de protección que o adxudicatario vaia solicitar, de forma que as parcelas para vivendas de réxime especial terán os prezos máis baixos e as de réxime concertado, os máis altos, situándose entre ambas as de réxime xeral.

Solo dispoñible

En total, no marco deste novo concurso ofertaranse un total de 17 parcelas, das cales cinco corresponden ao Parque Ofimático da cidade da Coruña, oito ao polígono do Bertón, en Ferrol, dúas a Garabolos, na capital lucense, e outras dúas ao barrio de Valdecorvos, en Pontevedra.

A superficie total de solo urbanizado que se incluirá no procedemento acada os 33.053 metros cadrados e o número estimado de vivendas que se poderían construír sobre estes terreos supera o millar.

17 de novembro de 2022 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.