publicidade hoxe

A Xunta aposta por impulsar a cultura da arbitraxe como vía para desxudicializar conflitos e promover a mediación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Inauguración do ‘II Congreso de arbitraxe e xurisdición’

Inauguración do ‘II Congreso de arbitraxe e xurisdición’

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración do II Congreso de arbitraxe e xurisdición onde destacou a aposta da Xunta pola cultura da arbitraxe como vía para desxudicializar conflitos e promover a mediación. Ao encontro, que conta co apoio do Goberno galego, asistiu tamén o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Para Diego Calvo, cómpre poñer en valor as vantaxes que ofrece a arbitraxe, como a posibilidade de elixir árbitros especializados na materia do litixio, a confidencialidade na administración dos procesos, a axilidade ou a redución de custos, entre outras. “Falamos dun proceso que é un auténtico equivalente xurisdicional, que cumpre con todas as esixencias da tutela efectiva e que soluciona controversias nun prazo relativamente breve e con menor custo”, afirmou.

O vicepresidente segundo chamou a todos os axentes implicados a apostar polo futuro da arbitraxe “como instrumento copartícipe da Administración de Xustiza”. Para Calvo, a modernización a prol dun sistema xudicial áxil e eficiente pasa tamén por promover métodos axeitados para a resolución de conflitos, como a mediación intraxudicial ou os proxectos de mediación no ámbito civil e mercantil, e no ámbito penal.

Nesta liña, referiuse á colaboración da Xunta co Consello da Avogacía Galega, que se estende tamén á prestación de asistencia xurídica gratuíta, e ás distintas medidas desenvolvidas a prol dun mellor servizo da Administración de Xustiza á cidadanía e das mellores condicións para o persoal. “Investimos 127M€ en grandes obras xudiciais, entre as que destaca a Cidade da Xustiza, aos que se sumaremos en 2023 outros oito para novas instalacións e obras de eficiencia enerxética”, engadiu.

Renovación do equipamento e dixitalización

A maiores, Diego Calvo sinalou o investimento de máis de 5M€ na renovación de equipamento nos últimos anos, aos que se sumarán dous o vindeiro ano. Tamén apuntou os avances na dixitalización no eido da xustiza, co Plan de expurgo dos arquivos xudiciais, e a implantación de salas de vistas integramente dixitais en todos os xulgados, no marco do Plan Senda dotado con 43M€.

Organizado pola Fundación pola Maxistratura, o Club Español da Arbitraxe e o Colexio Provincial de Avogados da Coruña, o II Congreso de arbitraxe e xurisdición prolóngase ata mañá e inclúe seis mesas de debate sobre distintos aspectos, como a visión xudicial da arbitraxe, as institucións arbitrais ou a acción de anulación, entre outros. O director xeral de Xustiza, José Tronchoni será o encargado de poñerlle o peche a este segundo encontro que xunta xuíces e árbitros.

10 de novembro de 2022 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.