publicidade hoxe

A Xunta apoia 16 iniciativas empresariais innovadoras punteiras cun investimento público de 4,4 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa compostelá BFlow, que acaba de recibir unha axuda do ente autonómico dentro do programa para a posta en marcha de novos proxectos empresariais cun alto compoñente tecnolóxico ou investigador e cuxa estratexia de negocio se base no desenvolvemento de tecnoloxía.

BFlow súmase a outras 15 iniciativas empresariais excelentes que non obtiveron financiamento no programa estatal Neotec por falta de crédito e que recibirán apoio da Administración autonómica para desenvolver os seus plans de negocio ata 2024.

Neste caso, a empresa biotecnolóxica galega desenvolverá un proxecto de monitorización integrada e completa da produción de viño baseada na combinación das tecnoloxías da microfluídica e multiespectroscopía, técnicas que permiten proporcionar información sobre o estado de fermentación do viño en liña en tempo real e mesmo predicir a súa evolución, detectando posibles alteracións con antelación. A Xunta de Galicia apoiará nun 85% o investimento neste proxecto, orzamentado en máis de 200.000 euros.

Argerey destacou o compoñente altamente innovador da empresa, creada no 2020 a partir de varios grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación de Investigación Sanitaria de Santiago, o que a fixo merecedora de múltiples axudas á innovación da Xunta de Galicia como os Bonos de Innovación, os préstamos IFI Innova, os proxectos Conecta-Covid ou axudas para a contratación de persoal investigador como Doutoramento Industrial.

A directora da Axencia Galega de Innovación apuntou que esta liña de apoio de recuperación da excelencia Neotec reforza a mensaxe de que “ningún bo proxecto se quede sen financiamento” e do compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento innovador e co apoio a empresas cun alto potencial de crecemento e que contribúen á transferencia de coñecemento ao tecido produtivo. De feito, un total de 16 empresas máis recibirán apoio nesta edición, en sectores como TIC, saúde, enerxía, aeroespacial e alimentación, agricultura e pesca.

Como novidade, nesta edición apóianse 6 proxectos de fóra de Galicia que, grazas a esta axuda, trasladarán a súa sede social, fiscal e centro de traballo a Galicia, impulsando así a atracción de talento cara á Comunidade. En total, nas dúas edicións desta convocatoria apoiáronse 29 proxectos, con axudas públicas por valor de 7,3 millóns de euros e un investimento total mobilizado de 10,4 millóns de euros.

Esta liña vénse sumar a outras actuacións do Goberno galego como a Estratexia de impulso ás pemes, os préstamos IFI Innova, a aceleradora de comercialización internacional da innovación Galicia Avanza ou o traballo que se realiza a través das incubadoras e aceleradoras galegas.

30 de novembro de 2022 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.