publicidade hoxe

Un total de 434 universitarios de Galicia acadan os Premios de Excelencia Académica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Un total de 434 estudantes recibirán os Premios de Excelencia Académica do curso 2020/21, 24 máis ca na convocatoria anterior. A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se conceden estes galardóns, dos que 172 son para estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 123 da da Coruña (UDC) e 139 da de Vigo (UVigo). O 63,5% das persoas recoñecidas con estes galardóns son mulleres e o 36,5% homes.

Por rama de coñecemento, o 43% son estudantes de Ciencias Sociais, o 17% de Enxeñaría e arquitectura, o 14% de Ciencias da Saúde, o 14% de Artes e Humanidades e o 12% de Ciencias.

Nas tres universidades públicas galegas a nota máxima acadada foi un 10. Na USC esta cualificación rexistrouse no grao en Filosofía (Santiago de Compostela), na UVigo nas titulacións de Educación Primaria (Campus de Pontevedra e Campus de Ourense) e de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Campus de Pontevedra); mentres que na UDC foi no grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios (Campus da Coruña).

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 528.000€, 10.000€ máis ca na convocatoria anterior. O premio ascende a 1.000€, cunha contía adicional de 500€ para os 188 mellores expedientes. Así mesmo, cada persoa premiada recibe un diploma acreditativo desta distinción.

Recoñecemento e motivación

O obxectivo destes premios é recoñecer o traballo das persoas que obtivesen as mellores cualificacións en cada un dos cursos de grao oficial no Sistema Universitario de Galicia (SUG), agás no último, no que o Goberno galego concede os premios de fin de carreira.

Con esta liña de axudas o Goberno galego quere motivar ao alumnado universitario para mellorar o seu currículo, poñendo en valor seu mérito e esforzo no estudo e a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo. Neste sentido, estimular o aproveitamento académico constitúe unha aposta pola construción dun Sistema universitario de Galicia excelente, competitivo e de calidade.

10 de outubro de 2022 | 15:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.