Un total de 3.706 estudantes de FP benefícianse das axudas da Xunta para que realicen prácticas formativas en Galicia, España e no estranxeiro
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas económicas ao desprazamento das que se benefician un total de 3.706 alumnos que realiza formación práctica en centros de traballo ou que cursa a modalidade de FP Dual neste ano 2022. A finalidade desta acción é compensarlles parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades formativas que se poden desenvolver en empresa da comunidade autónoma ou do resto de España e mesmo noutros países de dentro ou fóra da Unión Europea.
Esta resolución correspóndese co primeiro prazo da convocatoria, dirixido a quen realizase a FCT nos períodos de outubro de 2021 a marzo de 2022 e de xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño deste ano. Neste momento, e ata o 15 de novembro de 2022, está aberto o segundo prazo para solicitar estas axudas, para o alumnado que realice as prácticas no período de setembro-decembro de 2022 e que a remate antes do 31 de decembro de 2022.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina un orzamento total de 800.000€ a esta acción que leva desenvolvendo desde hai anos e que, na liña do establecido na Estratexia FP Galicia 2030, afonda na mellora das competencias a través dunha formación práctica ao tempo que favorece a mobilidade nacional e internacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.
Modalidades
A convocatoria establece dúas modalidades en función dos destinatarios. Na modalidade A, destinada a quen realice a formación dentro do territorio español, a contía da axuda depende de onde se realicen as prácticas, e o número de xornadas. Así, o alumnado que realice as prácticas en centros de traballo ou a FP Dual dentro da comunidade autónoma recibe ata un máximo de 375€, sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado establécese en función do número de xornadas realizadas no módulo de formación ou, no caso da FP Dual, do número de xornadas de permanencia na empresa.
No caso do alumnado que realice a formación fóra da comunidade autónoma, percibe unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice a formación ou a FP Dual en varios centros de traballo.
Na modalidade B, destinada a quen realice a formación fora do territorio español, a contía das axudas varia en función do país de destino. Deste xeito, establécese unha contía base de entre 120€ e 240€ dependendo do país (para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro), e unha contía adicional segundo as semanas de estadía no estranxeiro para dita formación, que vai dos 72€ aos 150€/semana.