publicidade hoxe

Rueda resalta a plena colaboración da Xunta coa RAG para garantir a actividade da entidade durante o tempo que duren as obras de mellora na súa sede

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
O presidente da Xunta na reunión co presidente da RAG

O presidente da Xunta na reunión co presidente da RAG

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a plena colaboración do Goberno autonómico coa Real Academia Galega (RAG) para garantir a actividade da entidade en defensa do galego durante o tempo que duren as obras de mellora na súa sede, na rúa Tabernas da Coruña. Proba deste compromiso é o protocolo de cooperación entre ambas institucións que asinaron Alfonso Rueda e o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, durante a visita do titular autonómico xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, ás instalacións que van ser obxecto de mellora.

Rueda destacou o valor histórico e cultural do inmoble que alberga a sede da RAG desde hai máis de corenta anos e que fora unha das residencias da escritora Emilia Pardo Bazán, e subliñou que, do mesmo xeito que as administracións teñen que “renovar o compromiso da promoción da lingua decotío”, tamén é preciso “renovar e facer melloras nos edificios emblemáticos”.

Estas obras -comprometidas xa no 2015 pola ministra de Fomento, Ana Pastor- terán unha duración aproximada de dous anos, durante os que a entidade se vai trasladar a unhas novas dependencias no polígono de Pocomaco. Por iso, o titular da Xunta fixo fincapé na “plena disposición” do Goberno autonómico en apoiar e traballar coa RAG para que este traslado temporal non afecte as súas funcións.

Neste senso, Rueda destacou que Xunta e RAG comparten o mesmo obxectivo de traballar a prol da defensa e difusión da lingua e a cultura galega. “O noso compromiso coa promoción do galego e inequívoco”, resaltou o presidente da Xunta, que adiantou algunhas das medidas que se porán en marcha proximamente para impulsar e fomentar o uso do galego entre a poboación.

Entre elas, destacou as vindeiras campañas para promocionar o uso da lingua galega -que estarán centradas nas familias e no ámbito deportivo-; o novo Plan de Galego na Mocidade, para achegar máis produtos e actividades de ocio neste idioma aos máis novos; a promoción da formación dixital para adultos en galego ou o reforzamento dos lazos coa lusofonía a través dunha colaboración co Instituto Camões para facilitar a obtención do certificado de coñecemento en portugués aos alumnos galegos.

Por último, Rueda resaltou a aposta da Xunta porque o galego estea presente nas novas tecnoloxías. Unha proba disto é o Proxecto Nós -que opta aos fondos europeos Next Generation- que nace co obxectivo de desenvolver ferramentas para que os sistemas de voz poidan recoñecer e interactuar en lingua galega. A previsión é que esta iniciativa conte cun investimento de 15 millóns de euros.

10 de outubro de 2022 | 15:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.