publicidade hoxe

O DOG publica a adxudicación de 91 das 106 novas prazas de especialista en atención primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe o nomeamento dos aspirantes seleccionados no primeiro proceso selectivo convocado para o ingreso na categoría de Facultativo especialista de atención primaria. Este proceso convocado e resolto neste ano 2022, ten por obxecto dar unha resposta adecuada ás necesidades actuais da atención primaria, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia .

Participaron neste proceso 355 persoas aspirantes, para cubrir un total de 106 prazas. Logo de realizado o primeiro acto de elección de destino o pasado 29 de setembro no cal se adxudicaron 91 prazas, publícase esta resolución parcial da convocatoria, para poder contar canto antes con este novo persoal fixo e ábrese o prazo dun mes para que se incorporen á praza adxudicada. Do total de aspirantes que serán nomeados o 68 % son mulleres.

Os novos médicos desenvolverán necesariamente as súas funcións e prestación de servizos tanto nos centros de saúde como nos puntos de atención continuada

As 15 prazas pendentes de adxudicación será ofertadas nun segundo acto de elección que se realizará proximamente.

Faise coincidir a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da Resolución que posibilita a incorporación dos novos facultativos especialista de atención primaria coa Resolución definitiva do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente (CAP) na categoría de médico de familia de atención primaria, para así evitar cambios sucesivos no ámbito da atención primaria que interfiran na prestación da asistencia sanitaria á poboación.

Resultaron adxudicatarios de destino no CAP un total de 121 profesionais, dos cales 6 non están vinculados actualmente co Servizo Galego de Saúde e 2 profesionais proceden de fóra de Galicia. A media de idade é de 50 anos e case o 73 % son mulleres.

As listas coas puntuacións e, de ser o caso, os destinos definitivos asignados en cada unha das categorías, atópanse publicadas, a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Os que obteñan praza neste proceso deberán cesar na que, de ser o caso, desempeñen no SERGAS, o primeiro día seguinte á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. A toma de posesión do novo destino obtido no CAP debe efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cese, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde, no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.

Coa resolución coordinada destes dous procesos de selección e provisión no ámbito da medicina de familia da atención primaria no cal existe un déficit de profesionais, pretende acadarse unha resposta coordinada e inmediata ás necesidades asistenciais no conxunto do Servizo Galego de Saúde e, en consecuencia, unha adecuada atención sanitaria da poboación.

Próximas actuacións

Está previsto que nas próximas semanas se publique a resolución definitiva do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente para o resto de categorías de persoal estatutario.

Con respecto ao proceso selectivo de Facultativo especialista de atención primaria, unha vez finalice o prazo de presentación de documentación aos novos aspirantes seleccionados e reservas, convocarase un novo acto de elección de destino para ofertar as prazas que resultaron vacantes na primeira convocatoria.

24 de outubro de 2022 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.