publicidade hoxe

Edicións Fervenza participa na festa literaria de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLalínLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Edicións Fervenza participa na festa literaria de Lalín

Edicións Fervenza participa na festa literaria de Lalín

Lalín converterase esta fin de semana nunha auténtica festa literaria coa celebración de Sopa de Letras, un evento cultural no que dar cabida e divulgar a fervente obra literaria que se desenvolve na Comarca de Deza e na que participarán librerías e autores da zona e na que, como non, Edicións Fervenza tamén estará presente.

A cita literaria, que se desenvolverá dende o venres 14 ao domingo 16 de outubro, na Praza da Igrexa, servirá de escenario para que distintos autores dean a coñecer os seus títulos a través de presentacións ou de recitados poéticos.

Sábado 15

Na xornada do sábado 15 de outubro, ás 12.15 h, presentaranse varios títulos infantís de Edicións Fervenza. En concreto, a colección completa dos libros infantís Os Balbinos, creados por Xoán Carlos García Porral en colaboración con Toño Núñez e Gabriel Iglesias, e na que se narran as aventuras da familia dos Balbinos nas súas andainas polos distintos tramos do Camiño de Santiago (Ruta da Prata, Camiño Francés, Camiño Portugués e o Camiño Inglés). Unha colección en edición trilingüe (galego, castelán e inglés), con ilustracións a toda cor e encadernados en tapa dura que permitirá tanto a maiores como á cativada descubrir todas as curiosidades que se agochan nas distintas rutas xacobeas.

Outra das autoras de Fervenza presente no acto será a profesora Margarida Fernández co seu conto ilustrado O porco Farruco, un porco de aldea ao que non lle importan o que digan os demais ata que na súa vida se cruza Catarina e, no seu afán por impresionala e namorala, sufrirá diversos avatares ata descubrir que sendo un mesmo, sen necesidade de querer aparentar, todo será máis doado.

Tamén na xornada do sábado, Edicións Fervenza presenta Feitizo no val, un libro de contos nados da colaboración dun avó, o escritor Xosé Manuel Lobato, e a súa neta, Fátima de la Iglesia, no que con imaxinación e moito corazón se tecen historias de fantasía, lendas, paisaxes e vivencias compartidas nas súas conversas, e nas que está máis que presente o amor á terra. Unha obra ilustrada polos cativos da Escola de Sarandón (Vedra) e tamén a ilustradora Amalia López Brea “Luchi”, na que se convida á lectura conxunta da rapazada cos seus pais e os seus avós.

Domingo 16

O peche ao evento cultural virá da man de varias autoras de Fervenza, en concreto Rosalía Morlán, Charo Golmar e Ángeles Madriñán, que participarán nun recital poético co acompañamento musical de Manoele de Felisa. Este acto será a partir das 13,15h.

Outras autoras e autores presentes na Feira

Todos as persoas asistentes que o desexen, poderán levar libros asinados polas autoras e os autores participantes. Ditos libros estarán á venda no stand que a organización colocará para o evento.

Ademais dos títulos mencionados, tamén se disporá de libros publicados por Edicións Fervenza e da autoría de distintos autores da Comarca de Deza, como Manuel Núñez Fiúza, Cristina Gómez Silva, Teresa Pérez Tilve, José Ramón Castro Frade, Mari Luz Chorén, Xosé Vázquez Pintor, Xosé Luna, Carmen Castro ou Paco Lareo, entre outros.

13 de outubro de 2022 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.