publicidade hoxe

As entidades sen ánimo de lucro poden solicitar as axudas para contratar aos axentes de emprego ás que a Xunta destina 1,1 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa de axudas destinado ás entidades sen ánimo de lucro para a contratación ou renovación dos seus axentes de emprego. Deste xeito, a partir de mañá e ata o próximo 28 de novembro poderán solicitar estes apoios aos que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano 1,1 millóns de euros.

Con este orzamento, prevese a contratación duns 42 axentes de emprego e unidades de apoio que orientarán no eido laboral ás persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, ou persoas con especiais dificultades de inserción socio-laboral. A Xunta financiará estes contratos con 27.000 euros por persoa (12 meses) e ás unidades de apoio (auxiliares técnicos) con 18.500 euros por persoa (12 meses). Os 42 axentes e unidades de apoio sumaranse aos 220 dos concellos galegos, para conformar a Rede de Axentes de Emprego de Galicia que centra o seu labor no impulso á xeración de emprego no eido local e que a partires de agora tamén prestará apoio á Rede de Polos de Emprendemento de Galicia, que iniciou a súa andadura este ano para acompañar desde o comezo e durante cada etapa ás persoas emprendedoras que inician a súa traxectoria empresarial.

A Rede de Axentes de Emprego está conformada, polo tanto, por máis de 260 axentes (220 en concellos e 42 en entidades sen ánimo de lucro) que prestan servizos de orientación e asesoramento laboral ás persoas desempregadas. A Xunta financia a súa contratación con 3,3 millóns de euros, xa que ao programa de axudas que saiu hoxe publicado no DOG, dirixido ás entidades sen ánimo de lucro, súmase o investimento por 2,2 millóns de euros destinado á contratación ou renovación de axentes de emprego nos concellos (AEDLs).

Entre as actuacións desta Rede inclúense a promoción da igualdade de oportunidades e o acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira destes e aplicando técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados, para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

O impulso a esta Rede de Axentes de Emprego e o apoio que prestarán a partires de agora á Rede de Polos de Emprendemento forma parte da nova estratexia de Emprego da Xunta de Galicia, Xempre Contigo, que busca desenvolver unha planificación global que permita a Galicia seguir avanzando na senda do crecemento e crear emprego de calidade.

28 de outubro de 2022 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.