publicidade hoxe

As contas de 2023 incluirán preto de 5,5 M€ para apoiar a promoción e a fortaleza dos produtos agroalimentarios galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Participación do presidente da Xunta no 37º Congreso AECOC

Participación do presidente da Xunta no 37º Congreso AECOC

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que as contas de 2023 incluirán preto de 5,5 millóns de euros para apoiar a promoción e a fortaleza dos produtos agroalimentarios galegos.

No 37º Congreso AECOC que se celebra en Santiago de Compostela, o titular da Xunta reafirmou o compromiso da Administración autónoma cos produtores e cos consumidores galegos, subliñando que nos Orzamentos do vindeiro ano tamén se incorporarán máis de 3 millóns para divulgar os produtos do mar nunha quincena de eventos nacionais e internacionais.

Alfonso Rueda botou man das contas elaboradas pola Xunta para o ano 2023, que se atopan en tramitación parlamentaria, como garante de que Galicia impulsa o benestar dos seus, tendo en conta que “tres de cada catro euros os destinaremos a sanidade, educación, partidas sociais e emprego”. Subliñou, ademais, que a aposta pola fortaleza económica levou a destinar 217 millóns máis que o ano pasado a reforzar a estrutura produtiva, e que no firme obxectivo de non hipotecar o futuro das novas xeracións, Galicia reducirá a débeda ao diminuír nun 50% as liñas de crédito.

“Grazas á solvencia das contas, Galicia poderá aliviar cargas a través de rebaixas fiscais con estímulos no IRPF e apoios ás familias numerosas”, indicou o presidente da Xunta, o que permitirá aos consumidores galegos -segundo concretou- contar con máis cartos no peto para facer fronte ás súas necesidades; sobre todo, nun momento como o actual no que a inflación e a alza dos tipos de interese dificultan a economía das persoas e das empresas. “Con prudencia e sen poñer en risco a viabilidade nin das nosas finanzas nin dos nosos servizos públicos”, puntualizou Rueda. De feito, aos distribuidores e consumidores presentes no acto, garantiulles “seriedade, estabilidade e certeza” para seguir creando riqueza no país.

O mandatario galego dixo que un dos paraugas cos que a Xunta protexe aos consumidores galegos é o da garantía que ofrece a calidade dos seus produtos, a través das 36 denominacións e indicacións xeográficas protexidas. De aí o alcance nos vindeiros Orzamentos das partidas destinadas a dar un novo impulso á promoción dos produtos galegos de calidade “para consolidar a súa posición no mercado e reforzar o seu prestixio”. A ese propósito van destinados 5,5 millóns que se investirán na promoción dos produtos agroalimentarios e 3 millóns máis para o impulso dos produtos do mar.

Rueda puxo en valor o sector primario galego, ao que comprometeu o apoio da Xunta perante as oportunidades que se presentan a través dos fondos europeos; especialmente, do Perte agroalimentario.

25 de outubro de 2022 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.