As axudas de 6.000 € para apoiar os contratos de menores de 30 anos formados e inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil poden pedirse ata o 15 de novembro
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova liña de incentivos coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere impulsar a incorporación ao mercado de traballo de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que teñan completado a súa formación en 2020 e 2021, con achegas de 6.000 euros por cada contrato formalizado. Trátase de facilitar a contratación nas ocupacións directamente relacionadas coa cualificación obtida.
Empresas de calquera forma xurídica -tamén de inserción-, centros especiais de emprego e persoas traballadoras autónomas pódense beneficiar destas axudas cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo día 15 de novembro.
Os contratos subvencionables deberán formalizarse con mozas e mozos maiores de 18 anos e menores de 30, que teñan rematado o seu programa de formación para o emprego nos anos 20 e 21, en ocupacións relacionadas con esa cualificación e que consten inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
As achegas realizaranse nun único pagamento de 6.000 euros pola presentación do contrato, que debe ter unha extensión mínima de 6 meses e con xornada a tempo completo.
A orde prevé un investimento de 1.741.213 euros, que se financiarán con cargo ao Fondo Social Europeo (FSE), de apoio á creación de máis e mellor emprego.











