publicidade hoxe

Adxudicadas por máis de 9 M€ as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa.

As obras, adxudicadas por algo mais de 9 millóns de euros á empresa Petrolam Infraestructuras, S.L., teñen un prazo de execución de 24 meses.

Na rede de sumidoiros de Vilagarcía existe un exceso de sólidos, ineficiencia dos colectores e unha entrada excesiva de augas limpas e auga do mar que, mesmo con precipitacións moderadas, que causan inundacións e vertidos.

Para solucionar eses problemas, contrátase a renovación da rede de colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e a execución de dous tanques de tormentas, así como a construción dun novo treito de colector na avenida de Cambados.

Os tanques de tormentas instalaranse na contorna da Praza, cun volume de retención de 3.700 metros cúbicos; e en Fexdega, cunha capacidade de 2.080 metros cúbicos.

A renovación dos colectores efectuarase na rúa García Caamaño, na marxe dereita do río Con e no cruce, ademais das impulsións correspondentes a cada un dos tanques de tormentas.

A intervención conta co cofinanciamento de fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014- 2020.

Ampliación da depuradora municipal

En paralelo á contratación destas obras, a Xunta segue dando os pasos necesarios na tramitación da ampliación da depuradora municipal, que inclúe un novo pretratamento, un reactor biolóxico de leito móbil e unha ampliación da decantación secundaria.

Este proxecto suporá un investimento de 23,1 M€, unha cantidade que supera en moito a media de gasto na construción e ampliación de depuradoras en Galicia, e este verán finalizou xa os trámites ambientais necesarios relativos a esta tipo de proxectos de infraestruturas hidráulicas.

Trátase dunha tramitación complexa, pola necesidade de modificar o PXOM, de xestionar a parcela e outras cuestións nas que se segue avanzando co obxectivo de poder impulsar as obras canto antes.

De feito, a tramitación ambiental simplificada foi axilizada, acurtando prazos e resolvéndose un mes antes do prazo de seis meses previsto inicialmente e comprometido.

O Goberno galego vai investir en conxunto máis de 33 M€ na mellora do saneamento e depuración de Vilagarcía para solucionar os vertidos que condicionan a actividade dos profesionais da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

O obxectivo do conxunto das actuacións previstas é acabar co 97% dos vertidos á ría de Arousa que se producen desde este municipio.

As melloras de saneamento como as proxectadas no concello de Vilagarcía de Arousa, contribúen a avanzar no estado dos bancos marisqueiros e da súa produtividade, o que facilita o traballo dos profesionais do marisqueo e dos produtores de mexillón.

Esta actuación súmase ás tres intervencións que se están poñendo en marcha neste ano 2022, dando un novo impulso ao saneamento da ría de Arousa, e que suporán un investimento da Xunta máis de 18 millóns de euros. Trátase da mellora do bombeo e colector de Cabanelas, nos concellos de Cambados e Ribadumia; da mellora da depuradora de Tragove para duplicar a capacidade de tratamento das augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa; e das obras de mellora do saneamento municipal de Cambados.

5 de outubro de 2022 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.