Ábrese o prazo ata o vindeiro 27 de outubro para inscribirse nas Catas de Queixos e Meles de Galicia 2022
A Xunta organiza unha nova edición das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2022, en colaboración cos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexida dos queixos e da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia. Así, todos aqueles interesados en participar neste certame teñen de prazo ata ás 14,00 horas do vindeiro 27 de outubro para enviar o correspondente boletín de inscrición debidamente cumprimentado ao consello regulador correspondente, quen certificará que as empresas que se inscriban cumpren os requisitos e condicións establecidas nas bases do concurso.
Deste xeito, celebrarase a XXV Cata dos Queixos e a XXI Cata dos Meles de Galicia. En cada unha desas catas, haberá diferentes categorías ás que poderán concursar os participantes, aínda que só se poderá presentar unha marca por categoría e subcategoría, debendo esta atoparse en comercialización e amparada polo consello regulador da denominación de orixe correspondente. Toda a información relativa ás bases do concurso e as inscricións pódense consultar na seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/alimentacion/cata-queixos-meles.
Cata a cegas
O persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, é o encargado de desenvolver con todas as garantías, o rigor e a seriedade un dos concursos agroalimentarios máis importantes de Galicia. Nel escóllense os mellores queixos e meles galegos nas súas diferentes categorías.
Para asegurar o anonimato da marca concursante, as mostras dos queixos participantes non poderán levar a súa etiqueta habitual nin calquera outro elemento que os poida identificar. No caso dos meles, e dada a gran diversidade dos envases empregados na súa expedición comercial, as mostras recolleranse en envases de cristal transparente sen marcas, debuxos nin calquera outro elemento que puidera levar á súa identificación.
En ambos casos, as mostras serán etiquetadas e numeradas cun díxito que substituirá á etiqueta identificativa habitual do produto, e quedarán rexistradas xunto coa marca comercial, categoría e o número de lote na acta de recollida correspondente. Tanto os queixos como os meles etiquetados introduciranse nunha caixa na que figurará unicamente o nome da categoría ou subcategoría e serán transportadas ata o lugar de celebración da cata, onde permanecerán debidamente refrixeradas e precintadas ata o inicio desta.
Carácter único
A través destas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores queixos e meles como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.
Así, no caso dos queixos, a organización outorgará un trofeo e diploma que indique o posto acadado (distinción de ouro, prata e bronce) nas categorías de: Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa (que inclúe tamén a subcategoría de Arzúa-Ulloa curado), Cebreiro (que tamén inclúe a subcategoría de Cebreiro curado) e San Simón da Costa.
No que se refire aos meles cataranse este ano tres categorías: meles monoflorais, meles multiflorais e mel de melada ou de bosque, que recibirán tamén un trofeo e un diploma acreditativo do posto acadado neste certame.