publicidade hoxe

A Xunta traballa para consolidar a primeira rede de aldeas modelo “intelixentes” que xa conta con 21 núcleos en toda Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta márcase como obxectivo consolidar a primeira rede de aldeas modelo na que se potencien os grandes valores das áreas rurais. Trátase de “potenciar a nosa orixe”, segundo sinalou o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración da xornada de presentación de resultados do proxecto de aldeas intelixentes, acto que se celebrou na Cidade da Cultura e no que puxo en valor esta iniciativa. O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, trasladou que a finalidade é impulsar a recuperación dos núcleos rurais e conseguir un territorio rural galego resiliente.

Así, José González destacou que esa rede de aldeas modelo xa conta con 21 núcleos aprobados, que suman unhas 575 hectáreas recuperadas nunhas 9.300 parcelas de 2.360 propietarios. E definiu esta rede coma o xermolo do futuro rural, no que haberá “máis oportunidades para todos, máis liberdade de acción de onde e como vivir, e un porvir sustentable para as vindeiras xeracións”, remarcou.

De feito, insistiu en que as aldeas modelo supoñen unha garantía de seguridade para a poboación que vive nela, xa que permiten frear a afectación dos incendios forestais a través da posta en marcha de actividade agrogandeira económica, rendible e sostible arredor dos núcleos de poboación.

Investimento público e privado

O conselleiro destacou ademais que esta aposta parte dun investimento superior aos cinco millóns de euros de fondos propios, orientando o investimento público e privado a mellorar a infraestrutura física virtual e os servizos no medio rural por medio de innovadoras ideas. Nesta liña, o titular de Medio Rural apuntou que se agarda incrementar este orzamento con outras fontes de financiamento, como as vinculadas aos Next Generation ou ao programa FID (Fomento de Innovación dende a Demanda) do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Con esta medida, incidiu González, contribúese a afrontar grandes retos, como son a garantía de digna continuidade do sector primario, a demografía ou o cambio climático. Isto, engadiu, a través de catro liñas principais: o desenvolvemento de servizos rurais; a aplicación de solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas, apostando pola dixitalización e pola mellora progresiva das infraestruturas dixitais; o impulso definitivo á sustentabilidade e á economía circular da produción agraria e a propia mellora do núcleo rural das aldeas modelo, conquistando máis formación, innovación e máis cultura empresarial.

De feito, insistiu o conselleiro, as aldeas modelo pasarán a estar completamente rehabilitadas a través da posta en marcha dun Plan de dinamización do núcleo urbano, cun Plan integrado de dinamización turística. Neste senso, destacou que xa está previsto comezar os proxectos piloto dos Plans de dinamización de catro aldeas modelo galegas. Ademais, no vindeiro ano 2023 será convocada unha liña de axudas precisamente para incentivar o desenvolvemento destes plans, regulados na Lei de recuperación. Esta rehabilitación cumprirá estritamente, e sempre que sexa posible, os criterios de arquitectura tradicional, sendo utilizados oportunamente materiais de orixe galega como a madeira.

Lei de recuperación da terra

O conselleiro enmarcou todas estas melloras no contexto da aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Nesta mesma liña, advertiu que se trata -a través de ferramentas da lei, como as aldeas modelo- de “calidade de vida, mercado laboral e máis e mellores servizos”. Uns obxectivos que a Xunta defende “de sempre” e que van unidos agora ao valor engadido da dixitalización e a tecnoloxía das “smarts villages” (aldeas intelixentes), segundo indicou José González.

Para acadar estes fins, o conselleiro animou á participación e á colaboración de todos, co obxectivo xeral de “acelerar esa mellora en infraestruturas dixitais que tanto precisa o noso rural”. Do que se trata, concluíu, é de acadar aldeas intelixentes e “listas” para vivir nelas, para ser referentes tecnolóxicos e para o futuro sustentable que demanda o medio ambiente”. En definitiva, rematou, “facendo do rural o mellor lugar onde vivir” e “facendo Galicia rural”.

Premio dos enxeñeiros de telecomunicacións

Precisamente, esta iniciativa das aldeas intelixentes vén de ser recoñecida polos enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia polo seu interese a prol da dixitalización e a sustentabilidade do rural. Así, a Xunta, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, recibiu recentemente o premio Vantage Towers ao mellor proxecto TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para a sustentabilidade e coidado da terra 2022. Este galardón, instituído polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia en colaboración coa empresa Vantage Towers, foi concedido por unanimidade do xurado á devandita axencia, adscrita á Consellería do Medio Rural, por este proxecto.

7 de outubro de 2022 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.