publicidade hoxe

A Xunta pon o traballo feito por Galicia como aval para reclamar ao Goberno unha asignación áxil e descentralizada dos fondos europeos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Comparecencia de Francisco Conde

Comparecencia de Francisco Conde

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, puxo hoxe como aval o traballo feito por Galicia no marco dos fondos europeos Next Generation para reclamar ao Goberno unha asignación áxil e descentralizada destas axudas.

Conde compareceu hoxe a petición propia no Parlamento galego para falar sobre a execución dos fondos europeos en materia industrial e, ao respecto, quixo remarcar que “perder o tren” dos fondos europeos sería “perder unha oportunidade irrepetible para modernizar e dar músculo” ao tecido industrial de Galicia.

Segundo dixo, Galicia está cumprindo cos requisitos e exixencias da Comisión Europea e do Plan de Recuperación e Resiliencia do Goberno grazas a unha candidatura de proxectos nos que a Xunta leva traballando case dous anos en colaboración co tecido empresarial e cos centros de coñecemento. Tamén contando co traballo da Sociedade Impulsa, que está sendo clave á hora de captar investimentos e socios industriais para proxectos como a fábrica de fibras téxtiles de Altri, a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables e o centro de produción de fertilizantes e biometano a partir de residuos gandeiros que promoven Reganosa, Repsol e Naturgy.

Sentury Tire e Showa Denko son outras das grandes empresas que confiaron en Galicia para ampliar o seu plan de negocio e optan cos seus proxectos aos fondos europeos. Ademais, dúas iniciativas en concreto que converten Galicia nun caso de éxito no ámbito da innovación e en sectores emerxentes como o aeroespacial e o biotecnolóxico: o Polo Aeroespacial de Galicia, con Airbus, Babcock e Telespazio; e as novas plantas de Zendal, Indukern e Lonza. No sector agroalimentario destacan as propostas de Estrella Galicia, o Grupo Profand, Jealsa ou Cafés Candelas. E no eido da eólica mariña, o proxecto de Nervión Naval Offshore no porto exterior de Ferrol.

“No traballo que levamos feito da man do tecido económico e social para dar forma aos grandes proxectos que van transformar a nosa economía, o Goberno ten argumentos e motivos dabondo para dar un si a Galicia e un si á nosa industria”, dixo Conde, quen puxo de manifesto a “mala praxe” do Executivo central no deseño das convocatorias e na execución destas axudas. Dos máis de 33.000M€ de investimento destinado aos once Pertes aprobados ata o de agora, só se convocaron polo momento 9.372M€; é dicir, o 30%. O tempo que transcorre desde que se aproban as bases ata que se lanza a convocatoria industrial supera de media os seis meses. E o Goberno conta cun remanente de 24.000M€ aínda sen convocar.

Neste contexto, Conde volveu solicitar ao Goberno que convoque un novo Perte para o sector da automoción cos 2.400M€ que quedaron sen adxudicar —é dicir, o 80% dos fondos— para dar encaixe ao proxecto de Stellantis, que é vital para o futuro da factoría de Balaídos. E, ao respecto, pediu que convoque primeiro o grupo de traballo que o Executivo acordou con Stellantis e os Gobernos de Galicia, Aragón e Madrid.

O vicepresidente económico pediu o apoio da Cámara para solicitar ao Goberno que axilice os procedementos, descentralizando a xestión destas axudas e poñéndoa en mans das comunidades autónomas. “O único que pedimos, e no que nos gustaría que houbese unanimidade nesta Cámara, é que os fondos Next Generation cheguen xa a Galicia para apoiar os grandes proxectos que precisa a nosa industria”, remarcou.

Para concluír, resaltou que a candidatura de proxectos aos fondos Next Generation leva a Marca Galicia e subliñou o traballo da Xunta por que se asocie á estabilidade, á innovación e á sustentabilidade.

18 de outubro de 2022 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.