publicidade hoxe

A Xunta incrementa nun 30% a achega por cada menú das axudas ás Anpas que xestionan comedores escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas a cofinanciar os servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos. Como novidade, a Xunta incrementa nun 30% a achega por cada menú, de xeito que, en función do número de usuarios do comedor, oscilará entre os 55 e os 65 céntimos ao día. Na convocatoria anterior a achega máxima do Goberno galego era de 50 céntimos por menú ao día.

O obxectivo desta medida é frear o impacto que a inflación desbocada está a ter na prestación do servizo por parte das anpas que se ocupan de 167 comedores con máis de 9.800 prazas.

O orzamento total da convocatoria ascende a 1,2M€, co que se mantén a contía do anterior curso, no que a Xunta de Galicia reforzou a convocatoria cunha partida específica para axudar ás anpas a sufragar gastos relacionados coa covid-19 (máscaras, material de desinfección e protección, etc), que agora poderán destinarse a outros fins. Isto supón duplicar o importe que se destinaba a esta liña de axudas antes da pandemia, en concreto 553.000 para o curso 2019/20.

Tipos de gastos cubertos

As asociacións de nais e pais terán de prazo ata o 7 de novembro para solicitar estas axudas. O se importe irá destinado a sufragar os gastos de xestión do servizo de comedor escolar que abranguen o custo diario do menú de mediodía por comensal, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo, os gastos de mantemento, persoal e limpeza, así como os de enxoval, materiais, utensilios para a prestación do servizo.

Para o cálculo da axuda terase en conta, en ambos casos, a media de usuarios diarios do comedor escolar, e o seu importe poderá sufragar o 100% do gasto xustificado. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para a mesma finalidade.

Poderán ser beneficiarias desta convocatorias as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor dos centros escolares públicos.

Aforro de 107M€ para as familias

Estas axudas súmanse ao incremento do orzamento para os comedores que xestiona a Xunta de Galicia, un total de 417, que concentran a maior parte dos usuarios, máis de 62.000 prazas. Neles, o 80% dos usuarios ten o servizo gratis ou pagando só un euro, importes que non se incrementaron nos últimos anos. Deste xeito, o incremento dos prezos non repercute nas familias.

Cómpre lembrar que esta liña de actuación se enmarca nas distintas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para aforrarlle este curso ás familias 107M€ e que chegan tamén a outros ámbitos como os comedores ou as taxas universitarias. Deste xeito, Galicia é unha das poucas nas que o incremento de prezos neste inicio de curso.

7 de outubro de 2022 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.