publicidade hoxe

A Xunta impulsa novas medidas de xestión para potenciar a compatibilidade entre a protección da Rede Natura e as actividades tradicionais necesarias para protexer os seus hábitats

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde anunciou hoxe que a Xunta impulsará o recoñecemento de novas medidas de xestión da Rede Natura 2000 en Galicia co fin de potenciar a compatibilidade entre a imprescindible protección natural destes espazos e aquelas actividades tradicionais ligadas ao territorio que desempreñan un papel clave para garantir a preservacións dos seus hábitats. “É un erro pensar que nun espazo protexido non pode ter lugar ningún tipo de actividade xa que hai iniciativas que contribúen a conservar a contorna ou previr os lumes”, indicou Conde, quen puxo algúns exemplos como “o cultivo de pastos, as rozas preventivas, as queimas controladas ou a creación de pistas cortalumes”.

O Consello da Xunta autorizou hoxe un acordo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que propón regular e recoñecer na planificación deste tipo de espazos protexidos o peso de accións e medidas que contribúen á conservación da biodiversidade destes espazos, ao tempo que os fai máis resilientes e mellora a súa preparación e resistencia fronte ao cambio climático.

Para facelo, modificarase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, un instrumento aprobado en 2014 e cuxa aplicación nos últimos anos puxo de manifesto que determinadas actividades tradicionais consideradas na norma actual como usos permitidos permiten, na práctica e adecuadamente exercidas, incrementar o nivel de protección destes espazos naturais ante as variables climáticas e os seus efectos.

Por iso e tendo en conta o peso e o papel que desempeñan no caso de Galicia de cara á conservación e á integridade dos hábitats naturais protexidos, a Consellería considera que é o momento de configurar e recoñecer este tipo de actividades como auténticas medidas de xestión da propia Rede Natura. Na práctica, segundo explicou Conde, isto “fará que se simplifiquen ao máximo os trámites a realizar” para implantar estas medidas “por motivos preventivos”, entre outros.

En concreto, entre as actuacións que pasarán a considerarse medidas de xestión da propia Rede Natura cómpre citar o mantemento dos pasteiros existentes e a súa creación cando se realicen sobre espazos non conformados por hábitats de interese comunitario nin sobre áreas prioritarias de especies de interese para a conservación, ou os labores de conservación das redes de faixas de xestión de biomasa forestal.

Tamén as queimas controladas —sempre que non afecten hábitats de interese comunitario nin especies de interese para a conservación—, así como o mantemento e a construción de forma estratéxica e planificada de infraestruturas preventivas fronte aos incendios, pasarán a formar parte das novas medidas de xestión en Rede Natura 2000.

A maiores, proponse especificamente unha serie de cambios relativos á actividade agrogandeira en Rede Natura. Por exemplo, as superficies de cultivos e pasteiros existentes desde 2014 terán a consideración de zonas permitidas para a súa recuperación xa que se busca mellorar a situación inicial en que se encontraban, e nas áreas de matogueira existentes no momento de declarar a Rede Natura, e co fin de garantir un estado de conservación favorable, poderanse facer anualmente rozas preventivas no 25 % da superficie, pero non o seu desarraigamento nin o decapado do terreo.

Axilidade de acción e maior resiliencia

O cambio de status previsto —de uso permitido e autorizable a medida de xestión para a preservación destas zonas— permitirá que a posta en marcha deste tipo de actuacións ligadas ás actividades tradicionais do territorio sexa máis áxil e sinxela que actualmente, en atención ao impacto positivo que teñen sobre os espazos naturais e os seus hábitats.

A necesidade de recoñecer o peso de certas actividades ligadas ao medio rural, incluídas tamén as de carácter preventivo, sobre o futuro de espazos cun alto valor ecolóxico cobra especial importancia nun momento en que en toda Europa se está notando un aumento dos efectos do cambio climático e das súas consecuencias sobre a conservación dos hábitats naturais, incluídos tamén os localizados en Rede Natura, que abrangue preto do 12 % do territorio galego e está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e 59 zonas especiais de conservación (ZEC).

Ademais, a propia normativa marco en materia de patrimonio natural incide en que a xestión deste tipo de espazos protexidos debe ter en conta as exixencias ecolóxicas da contorna, pero tamén as necesidades económicas, sociais e culturais, así como as particularidades que definen cada rexión e territorio.

Neste sentido, os espazos ben xestionados e conservados, nos cales o aproveitamento dos recursos naturais existentes se compatibiliza cun exercicio axeitado dos usos e actividades tradicionais, son máis resistentes fronte aos efectos do cambio climático.

Así, e tendo en conta que o obxectivo con que se impulsou a Rede Natura 2000 foi manter ou restablecer determinados hábitats e especies nun estado de conservación favorable, a Xunta promoverá este novo cambio normativo co fin de que entre en vigor a comezos de 2023, afondando deste xeito na liña de simplificación e flexibilización impulsada nos últimos anos a través de instrucións interpretativas e cambios normativos para facilitar a execución de actuacións en Rede Natura compatibles coa protección dos seus valores.

13 de outubro de 2022 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.