publicidade hoxe

A Xunta duplica en 2023 os fondos destinados a aforro e eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou hoxe no Networking Galicia Empresa celebrado na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense) que a Xunta duplicará en 2023 os fondos destinados a aforro e eficiencia enerxética (pasan de 40 millóns de euros a preto de 80 millóns) e, en concreto, destinan a autoconsumo 17 millóns de euros.

Segundo apuntou Conde, os investimentos neste eido son clave para reducir o prezo da factura, e contar cunha estabilidade no medio e longo prazo no custo enerxético que “cada vez está sendo máis determinante desde o punto de vista da competitividade”. Neste ámbito destacou iniciativas como a primeira comunidade enerxética empresarial de Galicia que se está a desenvolver na Tecnópole, un proxecto pioneiro no que xa se está a traballar con 50 empresas, para axudar ás compoñías a desenvolver proxectos colectivos de aforro e eficiencia enerxética.

No encontro celebrado esta mañá en San Cibrao achegaron as súas experiencias representantes das empresas Inplasor, especializada na inxección de pezas de plástico á medida; e Formato Verde, centrada na fabricación de equipamento para a recollida de refugallos. Ademais, ofreceuse información sobre os diferentes instrumentos que a Xunta pon a disposición de pemes e autónomos, e adiantáronse as principais liñas de traballo para o próximo ano.

Financiamento para 2023

A Xunta tamén ten entre os puntos fortes dos seus orzamentos para 2023 o investimento que se prevé destinar a instrumentos financeiros, que será de 140 millóns de euros.

O responsable de Economía, Industria e Innovación lembrou que o Goberno galego aposta pola axilidade administrativa para a captación de novos investimentos a través da Lei de simplificación e a Lei de áreas empresariais, e con ferramentas como a Oficina Galicia Empresa, unha xanela única na que atopar a axuda e o asesoramento necesarios para a posta en marcha de calquera proxecto, e a nova Secretaría Xeral de Industria, que centraliza as competencias neste ámbito.

Tal e como apuntou o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, Galicia tomou a dianteira ao aprobar unha normativa que busca trasladar confianza e seguridade xurídica e aliviar a carga burocrática, así como permitir axilizar, simplificar e flexibilizar a creación de solo industrial. Nestes obxectivos involúcrase ás administracións locais a través da figura dos Concellos Emprendedores, que suman nestes momentos 153, dos cales 66 son da provincia de Ourense, a máis participativa.

14 de outubro de 2022 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.