publicidade hoxe

A Xunta distinguirá o traballo das empresas en materia de responsabilidade social e conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia os Premios de Responsabilidade Social de Galicia 2022, cos que quere recoñecer as boas prácticas do tecido empresarial da comunidade en materia laboral, ambiental e social así como de fomento da conciliación e a corresponsabilidade.

Poden presentar a súa candidatura á nova convocatoria ata o próximo 4 de decembro, empresas públicas ou privadas con domicilio social ou centros de traballo na comunidade.

Os galardóns artéllanse en dúas modalidades: unha primeira, para recoñecer os avances que en materia de responsabilidade social empresarial teñan acadado pequenas, medianas e grandes empresas; e unha segunda, que outorgará mencións polo apoio á conciliación das firmas galegas.

En canto ao Premio á Responsabilidade Social Empresarial (RSE), distribuiranse os recoñecementos por separado para pequenas empresas (de ata 49 persoas traballadoras), medianas (entre 50 e 249) e grandes (250 ou máis persoas empregadas).

O Goberno galego priorizará as medidas implantadas polas entidades no ámbito laboral como a creación de emprego de calidade, redución de taxas de absentismo, formación do persoal, políticas de dixitalización, plan de igualdade no centro, prevención do acoso, igualdade retributiva, mulleres nos órganos de decisión, códigos éticos, entre outros.

Tamén se terán en conta as actuacións desenvolvidas en materia medioambiental relacionadas cunha produción sustentable, co consumo ecoeficiente e aforro de enerxía ou mesmo de tratamento de residuos.

Coa idea de promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e estándares recoñecidos con carácter universal, a convocatoria porá en valor as actuacións promovidas no eido social pola empresa, para o recoñecemento da diversidade, a igualdade de oportunidades, o voluntariado e o compromiso coa contorna.

Mención ás políticas de conciliación

Os premios inclúen unha mención específica para as iniciativas empresariais que “de maneira significativa” propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade.

Tal e como recolle a convocatoria valoraranse como positivas a activación de políticas na empresa que permitan racionalizar os usos do tempo e que permitan o crecemento profesional das mulleres en áreas nas que estean infrarrepresentadas, así como a dotación de salas de repouso para embarazadas e/ou lactación ou a existencia de incentivos aos permisos de paternidade.

A Xunta de Galicia quere recoñecer a promoción da igualdade entre homes e mulleres no mundo da empresa e o desenvolvemento de medidas innovadoras para a conciliación e a corresponsabilidade. O artellamento de mecanismos para flexibilizar o horario ou para o acceso ao teletraballo e permisos por coidados ou para dar cobertura ás vacacións escolares, constitúen algúns dos exemplos que se terán en conta para que as candidaturas acaden o recoñecemento público.

5 de outubro de 2022 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.