publicidade hoxe

A Xunta detecta tres novos casos de gripe aviaria en mascatos localizados en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de tres novos casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Con estes son xa 17 os casos notificados en Galicia, todos eles en mascatos.

Trátase de tres animais desta especie (mascato, alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus) atopados en concellos costeiros da provincia da Coruña no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia. Dous deles estaban enfermos (un na praia de Camelle -Camariñas- e outro en Corrubedo -Ribeira-), mentres que o exemplar localizado na praia de Doniños (Ferrol) estaba morto. Todas as aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña), onde seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, tras a toma de mostras, os animais enfermos foron eutanasiados e o cadáver eliminado conforme á normativa vixente.

O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e das que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial (para invernar) cara a Mauritania e o Golfo de Guinea.

Os exemplares desta especie son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, porén a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, sexan comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades veterinarias veñen notificando nos últimos meses numerosos casos de IAAP nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara ao sur. É esperable, polo tanto, que poida continuar durante algún tempo aínda o goteo na detección en Galicia de exemplares de mascato positivos á IAAP nesta época do ano, coincidente co citado período migratorio, sen que isto signifique un aumento no nivel de risco para a avicultura da nosa comunidade.

Aínda que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Por último, cómpre sinalar que durante o presente ano 2022, un total de 12 das 17 comunidades autónomas do Estado notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres.

10 de outubro de 2022 | 15:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.