publicidade hoxe

A Xunta destinará 342 M€ en 2023 en apoio ao deporte, á Administración de Xustiza, aos concellos galegos en servizos como as emerxencias e á acción exterior da comunidade

A Xunta investirá en 2023 máis de 342M€ para mellorar a calidade dos servizos prestados polas entidades locais galegas ou a Administración de Xustiza, xunto co reforzo da atención ás emerxencias, do apoio ao tecido deportivo galego e da acción exterior da comunidade. O investimento supón un 12,9% máis que o ano pasado e sitúase por riba do 8,5% de incremento do conxunto do orzamento da Xunta.

A aposta polo deporte foi un dos aspectos máis salientables da comparecencia de hoxe no Parlamento galego do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para dar a coñecer as liñas mestras do orzamento para 2023 do departamento que dirixe. Só a Secretaría Xeral para o Deporte contará o próximo ano con máis de 44M€ -un 35,6% por riba da contía do exercicio anterior- cos que apoiar ao tecido deportivo da comunidade, aos deportistas galegos e a mellorar as infraestruturas nas que adestran e compiten. No que se refire á creación de novas instalacións e á mellora das existentes, investiranse 18M€ nas catro provincias galegas garantindo a calidade do servizo aos usuarios.

Do mesmo xeito, reforzarase o apoio ao tecido asociativo con 6,8M€ -destinado ás federacións deportivas e aos clubs- ademais de manter a aposta polos centros deportivos de tecnificación e de alto nivel como o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra -do que dependen outros como o Complexo Náutico e o campo de regatas David Cal de Verducido e o Centro Galego de Vela de Vilagarcía- e polos núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE).

Tendo en conta que o próximo ano será clave na preparación dos Xogos Olímpicos de París 2024, a Vicepresidencia Segunda manterá os convenios de patrocinio aos equipos galegos de alta competición. Nesta liña, tamén botará a andar a Oficina de Atención ao Deportista, á que se destinarán 50.000 euros para atender e asesorar os deportistas galegos durante e despois da súa carreira deportiva.

Diego Calvo puxo en valor a importancia da actividade física no ámbito sanitario e no educativo. Por iso, desde a perspectiva da promoción da saúde, continuarase con 1,2M€ co Plan Galicia Saudable para actuacións que fomenten a práctica de deporte entre a poboación galega. Cobra especial importancia a promoción da actividade física en idade escolar. Deste xeito, no eido educativo consolidarase a actividade física entre os escolares co programa Xogade e outras iniciativas similares cunha dotación de 3,2M€. Ademais, xa se aprobou por 4,3M€ a contratación do seguro que cubrirá ata 2024 os riscos dos participantes de 6 a 16 anos nas actividades do programa Xogade.

Mellora das infraestruturas xudiciais e administrativas

Diego subliñou que a Xunta seguirá apostando pola modernización da xustiza co obxectivo de garantir un servizo áxil e eficiente, con 164 millóns de euros no vindeiro exercicio da Dirección Xeral de Xustiza, un 6% máis que en 2022. Así, o próximo ano seguirase co avance nas medidas de dixitalización completando a instalación de salas de vistas integramente dixitais en todos os xulgados galegos. As actuacións estanse a levar a cabo no marco dos 43M€ do Plan Senda 2025, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

No marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, o Goberno galego leva investidos máis de 127M€ en grandes obras xudiciais, a máis destacada a Cidade da Xustiza de Vigo que completará o próximo ano o seu traslado. A previsión para 2023 é seguir coa construción de novos edificios xudiciais, cunha contía de 6,3M€ que se destinarán ao novo edificio xudicial da Estrada, co que unificar os dous órganos xudiciais existentes no concello, así como á nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela, dotando a Galicia dunha sede de referencia para a investigación médico-científica legal. Outros 1,6M€ destinaranse a obras de eficiencia enerxética.

Na mesma liña de ofrecer unha xustiza de calidade inclúense outras medidas como 2M€ ao plan plurianual para a renovación de equipamento e mobiliario dos arquivos e oficinas xudiciais, que se sumarán aos máis de 5M€ investidos nos últimos anos. Para a catalogación, dixitalización e expurgo dos arquivos xudiciais mellorando o espazo dispoñible reservarase case 1M€.

Unha xustiza de calidade precisa tamén -como asegurou Diego Calvo na súa intervención- dun bo equipo de profesionais, de aí que a Xunta avance na consolidación do recoñecemento á traxectoria profesional do seu persoal ao servizo da administración da xustiza mellorando o acordo vixente cos sindicatos en 2020. Crearanse tamén 24 novas prazas de funcionarios para os 3 novos xulgados de Primeira Instancia -nº6 de Lugo, nº 15 de A Coruña e nº16 de Vigo- que entrarán en funcionamento o próximo ano; reservaranse 13,8M€ á retribución de avogados e procuradores pola prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta e 125.000 euros para manter o apoio á mediación intraxudicial como método alternativo á vía xudicial para a resolución de conflitos, entre outras inversións.

A Xunta seguirá atendendo as necesidades dos edificios administrativos de titularidade autonómica e, nese senso, como xa se fixera co edificio da rúa Benito Corbal de Pontevedra, adaptarase o inmoble dos xulgados da rúa Lalín, en Vigo, para albergar dependencias que se destinarán fundamentalmente a asociacións, cunha partida de 3 millóns para o vindeiro ano do total de 12,5M€ que suporá o proxecto.

Despois de rematar os traballos de eficiencia enerxética en Lugo por 2M€, continuaranse en 2023 os traballos nos edificios administrativos de Ferrol -xa licitados- e na Coruña, con 3,1M€ consignados en 2023, incluíndo a achega de fondos FEDER. Destaca tamén o investimento de 2M€ cos que iniciar a construción da nova delegación territorial da Xunta en Ourense, un proxecto que contará cun investimento total de 24M€ con capacidade para acoller 900 empregados públicos.

Apoio ao funcionamento e equipamento dos servizos de emerxencias

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior seguirá traballando para reforzar os equipos de emerxencias e de seguridade pública en beneficio da poboación galega e, nese sentido, conta cun orzamento de 29M€ nos orzamentos de 2023, incluíndo as partidas para a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Un ano máis, a Xunta continuará dotando aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do material necesario para velar pola seguridade da cidadanía nas mellores condicións, con 1M€ que se sumará ao investimento histórico de máis de 24M€ nos últimos anos. Canto aos gastos de funcionamento, publicarase unha nova orde de axudas de 340.000 euros para as AVPC e reservarase a partida necesaria para renovar os convenios coa FEGAMP e as Deputacións Provinciais dos GES das provincias da Coruña e Lugo, que vence este ano e dos que a Xunta asume máis da metade dos seus gastos anuais.

A Vicepresidencia Segunda seguirá apoiando os parques de bombeiros comarcais achegando máis de 10M€ aos consorcios provinciais de extinción de incendios e salvamento. Diego Calvo engadiu que se traballará en impulsar acordos de comarcalización de parques de bombeiros municipais como o de Santiago de Compostela ao que xa se chegou a acordo co Concello de Santiago e a Deputación provincial da Coruña. A Xunta reserva 1,5M€ o próximo ano, que se investirá nas novas instalacións do parque e en gastos de mantemento.

Por outra banda, o servizo do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, un elemento clave na integración e coordinación dos servizos de atención ás emerxencias ante calquera incidencia, adxudicarase por valor de máis de 7,8M€. Tamén se investirán 286.000 euros no novo contrato de servizo do Grupo de Apoio Loxístico e de Intervención (GALI) da AXEGA e outros 255.000 euros na ampliación das súas instalacións.

Pola súa parte, a AGASP formará no seu 25 aniversario os integrantes da 15ª promoción de Policía Local, manténdose como centro de referencia das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia. Nesta liña, favorecerase a implantación xeneralizada da nova aplicación informática do Rexistro de Policías Locais, actualizando os datos dos corpos de policías locais.

Na súa comparecencia, o vicepresidente segundo insistiu na necesidade de que o Goberno central dote á Policía Autonómica das prazas vacantes, xa que na actualidade a unidade está ao 73% con 364 axentes. Así, instou ao Ministerio do Interior a asinar o novo convenio de colaboración ao que se comprometera o ministro.

Por último, as contas reservan 30.000 euros á posta en marcha do Observatorio Galego do Xogo, organismo encargado do seguimento do cumprimento da Lei dos Xogos de Galicia que se atopa actualmente en tramitación parlamentaria.

Colaboración coas entidades locais

A Dirección Xeral de Administración Local manterá o compromiso coas entidades locais cun orzamento de máis de 20M€, case un 16% máis que en 2022. Deste xeito, manterase a contía de 3,5M€ da Orde de Infraestruturas de uso público para a mellora das instalacións destinadas á prestación de servizos municipais, os 11,3M€ do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) destinados a actuacións ambientais e os 3M€ das axudas a obras nos locais sociais e á dotación de equipamento de asociacións de veciños e de mulleres rurais e comunidades de usuarios de auga ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria.

A Orde de Infraestruturas de uso público contou con máis de 44M€ desde 2009 que permitiron financiar 1.480 proxectos, mentres que ao FCA destináronse 117M€ desde a súa posta en marcha en 2010 co obxectivo de acadar concellos máis sostibles. Canto ás axudas veciñais investíronse 15,8M€ no período 2016-2022.

Co mesmo obxectivo porase en marcha unha nova orde de subvencións, dotada con 2,6M€, dirixida ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais cofinanciada con fondos FEDER. Con esta medida preténdese avanzar cara a municipios climáticamente neutros mediante a mellora do aforro enerxético, diminuíndo o impacto ambiental dos inmobles municipais.

O Goberno galego, xunto coa FEGAMP, continuará liderando o plan de loita contra a vespa velutina posto en marcha en 2022 e ao que xa están adheridos 306 concellos -o 98% do total- dando solución a este problema de maneira homoxénea e coordinada.

Este departamento colaborará tamén coa Universidade de Vigo e a Red Localis para delimitar a revisión e mellora da Lei de Administración Local de Galicia e a posta en marcha da 1ª Cátedra institucional de Bo Goberno Local.

Diego Calvo incidiu no compromiso da Xunta co financiamento dos concellos co Fondo de Cooperación Local (FCL), que desde 2011 garante por lei a participación mínima dos municipios nos orzamentos da Xunta. En 2023 recibirán 30,4M€ do fondo adicional do FCL, cun incremento histórico do 134,5% . Isto supón que a cantidade total asignada ao Fondo de Cooperación Local -entre o fondo base e o adicional- ascende a 143,4M€, case un 14% máis que neste ano.

Acción de Galicia no exterior

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea disporá de 11M€, cun incremento do 11,4% en comparación co ano anterior. O orzamento investirase, sobre todo, no Plan Anual da Cooperación Galega, que sobe un 14% ata case os 9M€, o que permitirá reforzar proxectos de educación, de axuda humanitaria e emerxencias e de cooperación no exterior con ONGD e outros axentes. O anterior plan de 2022 executouse na súa totalidade e o que se elaborará para 2023 adaptarase ás prioridades que se definirán no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026.

A Xunta manterá a súa aposta pola Fundación Galicia Europa para seguir defendendo os intereses de Galicia na UE, en especial no desenvolvemento dos fondos Next Generation. Respecto das relacións con Portugal, o Goberno galego manterá a súa aposta polos programas conxuntos para que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal poida manterse na posición de liderado en captación de fondos europeos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza (POCTEP), do que a Comisión Europea vén de aprobar a nova convocatoria para o período 2021-2027.

A Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias disporá no 2022 de 2,9 millóns de euros (+1,6%) para seguir traballando como ligazón coas outras institucións e facendo seguimento das normativas estatais e doutras comunidades en aras da coordinación e colaboración institucional.

Canto á Fundación Semana Verde, dispón dun orzamento de 3M€ grazas á reactivación da súa actividade con novas feiras e outras xa consolidadas.

28 de outubro de 2022 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.