publicidade hoxe

A Xunta destaca o valor para Galicia da política de cohesión europea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Gamallo no acto de benvida

Gamallo no acto de benvida

A Fundación Galicia Europa (FGE) celebrou o oitavo encontro virtual do ano dentro do seu ciclo FGE | NextGeneratiOn Galicia. A reunión congregou unha vintena de funcionarios do sector público autonómico con representantes da Comisión Europea para abordar os desafíos e as perspectivas do período de programación dos fondos estruturais 2021-2027 que se pon agora en marcha.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, deu a benvida a todos os participantes, sinalando que Galicia vai recibir preto de 3.270 millóns de euros desta política europea, o que representa un terzo do todo o orzamento comunitario. “Estes cartos sumaranse aos máis de 22.000 millóns de euros que esta política ten investido en Galicia dende o ingreso de España ás comunidades europeas en 1986“, lembrou o director xeral.

Pola súa parte, a directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, advertiu como o exercicio de programación a sete anos demorouse neste novo período. Primeiro pola complicada negociación do Marco Financeiro Plurianual, despois polos regulamentos dos fondos e finalmente pola posta en marcha en España do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. “Os recursos deste novo fondo duplican o montante que España adoita a recibir da política de cohesión. Ademais, deben executarse nun prazo menor e con normas moi diferentes, o que supón un gran desafío para todas as administracións en España”, engadiu.

Todo isto fixo que a Comisión Europea estea hoxe a punto de dar o visto bo ao Contrato de Asociación con España, o documento de base que dará pé á aprobación dos máis de 40 programas operativos, rexionais e plurirrexionais, a través dos cales a UE investirá preto de 36.700 millóns de euros nos próximos sete anos en España co obxectivo de reducir as disparidades territoriais. Así o explicaron os representantes da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, quen destacaron a contribución da política de cohesión á converxencia de todas as comunidades autónomas coa media europea dando algunhas cifras: 190.000 millóns de euros investidos (unha cifra superior ao PIB de Portugal), 73.000 pemes apoiadas directamente, a creación de 95.600 postos de traballo ou o acceso a banda ancha de 2,4 millóns de persoas.

Por último, un representante da Consellería de Facenda explicou a programación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional en Galicia, cunha asignación de 940 millóns de euros que irán destinados á competitividade, á transición verde, á conectividade e á cohesión social, estando o 85% concentrado nas dúas primeiras áreas, en liña coas recomendacións europeas. O 31% dos fondos contribúen aos obxectivos da loita contra o cambio climático e un 8% a frear a perda de biodiversidade.

Encontros virtuais entre a Comisión Europea e a Xunta

O ciclo de encontros FGE | NextGeneratiOn Galicia reúne mensualmente a Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar de forma conxunta as políticas públicas impulsadas desde a UE. O ciclo está organizado pola oficina de representación da Xunta en Bruxelas, a Fundación Galicia Europa, dende setembro do 2020.

26 de outubro de 2022 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.