publicidade hoxe

A Xunta concede 1,83 M€ en axudas para impulsar 41 proxectos dirixidos á posta en valor e conservación das reservas de biosfera galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia concedeu axudas por un importe de 1,83 millóns de euros co fin de apoiar este ano e o que vén o impulso dun total de 41 proxectos destinados a poñer en valor, promover un desenvolvemento sustentable e conservar a biodiversidade e a riqueza patrimonial que atesouran as 7 reservas de biosfera galegas.

Tal e como se detalla na resolución que se publica hoxe no DOG, os beneficiarios desta orde de subvencións, convocada o pasado mes de febreiro, son un total de 19 concellos e 22 entidades ambientais, asociacións e comunidades de montes veciñais pertencentes ou vencelladas a nalgún destes territorios recoñecidos pola Unesco.

No caso das administracións locais, o importe global das axudas concedidas ascende a 1,32 millóns de euros, mentres que a Xunta outorgará aos proxectos propostos por outro tipo de entidades un total de 0,51 millóns de euros.

Entre as actuacións subvencionadas ao abeiro desta orde cómpre citar a creación de corredores verdes, a eliminación de especies exóticas invasoras, a restauración de bosques autóctonos, ou diferentes tipos de actuacións de recuperación ambiental e de mellora da conectividade, entre outras.

Os incentivos máis cuantiosos chegan ata os 80.000 euros cando o beneficiario é un concello localizado dentro do ámbito dalgunha das 7 reservas galegas, mentres que o importe máximo da axuda rolda os 25.000 euros no caso de proxectos impulsados por outro tipo de entidades e asociacións privadas.

Preto do 80% dos fondos mobilizados

Cómpre subliñar que a Xunta mobilizou xa ata o momento preto do 80% dos fondos europeos do programa NextGenerationUE destinados a poñer en valor as 7 reservas de biosfera existentes na Comunidade. Isto significa que dos 6,4 millóns de euros asignados a Galicia para os anos 2022-2023, ao redor de 5 millóns —incluídas as axudas publicadas hoxe— xa están consignados para financiar actuacións e proxectos planificados ou que incluso nestes momentos están en execución.

Así, e a maiores dos proxectos que está a impulsar o propio Goberno galego nas tres reservas de biosfera baixo a súa xestión directa, as dúas ordes de axudas convocadas este ano pola Xunta para impulsar proxectos nestes espazos —tanto a dirixida a concellos e entidades como a destinada ao resto de órganos xestores— xa están resoltas.

De feito, Galicia está sendo unha das comunidades máis áxiles neste sentido, xa que foi a primeira en sacar ambas convocatorias de subvencións no mes de febreiro e ademais ten comprometidos nunha alta porcentaxe os fondos europeos reservados para impulsar entre este ano e 2023 actuacións de posta en valor destes territorios.

As 7 reservas de biosfera galegas suman un total de 1,03 millóns de hectáreas terrestres e representan xa máis dun terzo da superficie total da Comunidade. De todos estes espazos, cómpre lembrar que 3 están xestionados de forma directa pola Xunta —Xurés-Gerês; río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a última en obter a declaración— e as 4 restantes —Terras do Miño; Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Mariñas coruñesas e Terras de Mandeo; e Área de Allariz— contan con órganos de xestión independentes.

10 de outubro de 2022 | 15:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.