publicidade hoxe

A Xunta ampliará en 2023 os beneficios fiscais ata os 592 M€ e seguirá apostando polo reequilibrio territorial en favor das provincias de Lugo e Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoOurensePortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia ampliará no 2023 o volume de beneficios fiscais ata os 592 millóns de euros, 144 millóns máis que no ano 2020, ao tempo que seguirá apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per capita nas provincias orientais respecto das atlánticas.

Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2023, que ascende a 12.620 millóns de euros, o máis alto da historia, e que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.

Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta prefire deixar de ingresar para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. Ademais, esa cifra ten unha compoñente cualitativa moi relevante, pois o 91% destes beneficios fiscais son de carácter social.

En canto á distribución territorial, os Orzamentos da Xunta para 2023 volverán potenciar o reequilibrio territorial polo que o maior gasto por habitante volverá producirse nas provincias orientais: Lugo, onde a Xunta destinará 5.288 euros per capita, e Ourense, con 5.168 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas A Coruña recibirá 4.024 euros per capita e Pontevedra 3.913 euros por habitante. Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben maior volume de gasto son A Coruña e Pontevedra, con 4.502M€ e 3.689M€, respectivamente, mentres que a provincia de Lugo recibirá 1.712 millóns, e a de Ourense, 1.571 millóns de euros.

Cinco liñas de actuación prioritarias

Os orzamentos de 2023 reforzarán con máis de 500M€ cinco liñas de actuación prioritarias para acompañar a familias e empresas nesta conxuntura de alza de prezos e con medidas para impulsar a competitividade. Estas liñas de actuación son apoio e protección das familias e das persoas; aforro e eficiencia enerxética; dinamización económica; protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e fortalecemento dos servizos públicos.

Neste sentido, reforzarán as axudas ás familias, empresas e sectores máis vulnerables afectados pola alta inflación; fortalecerán un ano máis a sanidade, a educación e as políticas sociais; apostarán polo fomento do aforro e a eficiencia enerxética; protexerán o medio ambiente con actuacións para facer fronte á seca e ao cambio climático; e dinamizarán a economía nun momento de ralentización.

Priorízase o gasto social

As contas do vindeiro ano tamén reforzarán un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego. Así, estes presupostos inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 9.368 millóns de euros (709 millóns máis que no vixente exercicio) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego.

No 2023 destinaranse 4.967 millóns de euros á sanidade pública, 2.795 millóns ao ensino público, 1.164 millóns a políticas sociais, e 443 para o emprego. Desta forma, tres de cada catro euros do orzamento para 2023 irán destinados a sanidade, educación, políticas sociais e emprego.

Por departamentos, todas as consellerías, agás a de Facenda e Administración Pública, terán máis recursos no ano 2023. O maior incremento prodúcese na Consellería de Sanidade con 383,6 millóns e chega aos 4.972,3M€; a continuación sitúase a Consellería de Política Social e Xuventude cun aumento de 149,3M€ ata acadar os 1.077,7M€, e logo a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade cun incremento de 142,8 millóns de euros que acada os 2.894,3M€. É dicir, as tres consellerías que acaparan a maioría do gasto social concentran practicamente o 72% do incremento do orzamento.

Novas rebaixas de impostos

En materia de política fiscal, os orzamentos recollen unha serie de medidas de alivio fiscal e de fomento da competitividade para axudar a mitigar os efectos da alza de prezos.

No Imposto da Renda, defláctanse con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF co que se beneficia a todos os contribuíntes e de maneira especial ás rendas medias e baixas. Ademais, rebáixase por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para rendas máis modestas, que pasa do 9,4% ao 9%. Os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476€ en relación ao que pagaban en 2009.

Por outra banda, tamén se equiparan a efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas cunha dedución de 250 euros no IRPF, e duplícase a dedución para as familias de tres fillos para beneficiar a máis de 187.000 familias. A partir de tres fillos, increméntase a dedución en 250 euros adicionais por cada fillo a maiores.

Compromiso coas entidades locais e as universidades

O ano que vén a Xunta fará un importante esforzo orzamentario co financiamento dos concellos que chegará aos 564,4M€, o que supón un crecemento do 15,5% con respecto a este ano (76M€ máis).

Tamén se reforza o compromiso do Goberno galego coas universidades galegas e presupóstase a segunda anualidade do Plan de Financiamento Universitario 2022-2026, á que se destinan 483 millóns de euros para 2023.

En resumo, a Xunta vén de entregar hoxe no Parlamento os orzamentos de 2023, os máis altos da historia, que recollen medidas para acadar o impulso que Galicia necesita neste momento cunhas contas que priorizan as familias, empresas e sectores máis vulnerables aos altos prezos; que buscan dinamizar a economía; que pretenden fomentar o aforro e a eficiencia enerxética; apostan por medidas medioambientais e de loita contra a seca e o cambio climático; e que fortalecen a sanidade, a educación e os servizos públicos. E todo isto con máis gasto social, menos impostos, máis investimento, menos débeda e enmarcados na planificación da Galicia de 2030.

20 de outubro de 2022 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.