publicidade hoxe

A Xunta activa as bolsas de axudas para a conciliación, transporte e manutención e aloxamento de persoas desempregadas que participen en cursos de formación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria de axudas directas para apoiar a participación de persoas desempregadas en cursos para o emprego en 2022 e 2023 con achegas para financiar os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento e conciliación.

O Goberno galego destinará a esta liña un orzamento de 8,5 millóns de euros, un 6,5% máis que na edición precedente, coa expectativa de chegar a beneficiar a máis de 15.300 persoas que toman parte nas accións formativas que convoca.

A Xunta de Galicia concederá bolsas de asistencia a colectivos con dificultades para o acceso ao mercado laboral. Outorgaranse 9 euros por día, por exemplo, ao alumnado con discapacidade mínima do 33%; a integrantes de familias numerosas ou monoparentais e ás persoas que participen nun itinerario personalizado de inserción.

As bolsas ascenderán a 10 euros por día para as vítimas da violencia de xénero que tomen parte nas accións formativas, incluídas ás que padezan violencia vicaria ou dixital.

Para apoiar ás persoas que teñan ao seu coidado fillas ou fillos, menores de 12 anos en acollida e/ou familiares con dependencia, prevense achegas por unha contía equivalente ao 75% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) diario vixente, para contribuír coa conciliación e garantir a súa participación nos cursos.

Ao igual que en anteriores ocasións, prevense bolsas de axuda para financiar o uso do transporte público urbano ou interurbano (1,5€/día), do vehículo propio (0,19€ por km/día); de manutención (12€/día) no caso de que o enderezo diste máis de 20 quilómetros da sede da formación; e para aloxamento e manutención cando esta distancia sexa superior aos 100 quilómetros e non exista a posibilidade de traslado diario en transporte público.

As solicitudes poden presentarse entre o 1 de novembro e o 31 de outubro de 2023. Deben formalizarse, tal e como recolle a orde, no prazo dun mes desde a incorporación da persoa alumna ao curso de formación.

Na anterior convocatoria, 2021-2022, un total de 14.422 persoas resultaron beneficiarias destas bolsas nas que a Xunta leva investidos desde 2015 máis de 62 millóns de euros.

28 de outubro de 2022 | 13:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.