publicidade hoxe

A taxa de participación no Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama supera o 80% nas catro provincias galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

Un total de 168.560 mulleres foron exploradas no ano 2021 no marco do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, das que 67.299 son da provincia da Coruña, 17.789 da de Lugo, 20.464 da de Ourense e 63.008 da de Pontevedra. A participaciòn acadada no conxunto de Galicia foi do 82% (82,6% na Coruña, 82,7% en Lugo, 80,4% en Ourense e 81,7% en Pontevedra).

Cómpre remarcar que a participación no programa a partir do ano 2006 é superior ao 75 %, obxectivo de participación desexable establecido polas Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico. A alta participación está asociada á divulgación e promoción do Programa e a adherencia das mulleres ao mesmo.

De todas as mulleres exploradas, 97,3 % teñen un resultado negativo e o 2,7% restante requiren valoración clínica adicional para confirmar ou refutar lesión maligna.

Con datos pechados para o ano 2020, a taxa global de detección de cancro de mama foi de 4,4 casos por cada mil mulleres exploradas, e dicir, 600 casos de cancro foron detectados polo programa en fase presintomática.

A Consellería de Sanidade quere conmemorar o Día Internacional da loita contra o cancro de mama, que se celebra mañá baixo o lema “Pechar a brecha de atención”, sinalando que esta patoloxía é a primeira causa tumoral de morte en mulleres no noso medio, por iso, diríxense importantes esforzos cara a súa prevención secundaria, por medio dos programas poboacionais de detección precoz. Ao respecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade puxo en marcha en 1992 o Programa galego de detección precoz do cancro de mama, coa finalidade de abordar o problema de saúde que supón esta enfermidade.

O Programa está dirixido a todas as mulleres residentes en Galicia, de 50 a 69 anos, asintomáticas e que non foran diagnosticadas previamente de cancro de mama, con independencia de que reciban ou non asistencia do sistema sanitario público.

A proba básica de cribado é a mamografía en dúas proxeccións (cranio-caudal e oblicuo-medio-lateral) en cada mama e realízase cunha periodicidade de dous anos. A citación das mulleres é persoal e por carta.

Estrutura asistencial

A estrutura asistencial do Programa está formada polas Unidades de exploración mamográfica, as unidades de avaliación radiolóxica e as unidades de diagnóstico e tratamento

Desde seu inicio, o Programa non deixou de expandirse na súa capacidade e recursos para a atención ás usuarias, mellorando á súa xestión integrada e tamén a recollida de datos que permiten elaborar os indicadores para a súa avaliación, seguindo as directrices da Unión Europea e as novas evidencias que foron xurdindo. Así mesmo, foi adaptándose ao desenvolvemento tecnolóxico, coa modernización dos seus sistemas de información e a dixitalización de todas as unidades de exploración.

Sinalar, así mesmo, que nos anos 2019-2020 realizouse un estudo sobre a supervivencia das mulleres galegas do grupo de idade do programa diagnosticadas de cancro de mama no período 1993-2016. Para os cinco anos de seguimento a supervivencia observada foi do 95’2%

18 de outubro de 2022 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.