publicidade hoxe

A Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego xa axuda a desenvolver nos seus tres primeiros meses de funcionamento máis de 50 proxectos empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristancoGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Costa da Morte que, situado en Coristanco, prestará servizo a persoas emprendedoras de 29 concellos desta área. O de hoxe é o terceiro Polo que activa a Xunta de Galicia, dun total de 12 que espera ter en marcha entre este ano e 2023. A Rede, que ten en marcha xa os centros Ourense Centro e Sur (en Verín) e Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda), está axudando xa ao desenvolvemento de 55 proxectos empresariais e presta asesoramento a 63 persoas.

A Xunta da un novo paso con este terceiro polo, o primeiro en activo na provincia da Coruña, que “desde esta sede en Coristanco prestará servizo e apoio aos 29 concellos que conforman as comarcas da Barcala, Barbanza, Bergantiños, Fisterra, Muros, Noia, Terra de Soneira e Xallas”, indicou a conselleira.

Cos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, a Xunta de Galicia ofrece unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan desde o comezo e durante cada etapa ás persoas que inician a súa andaina empresarial, para que sexan quen de emprender en condicións de seguridade e para garantir que os seus negocios medren e se consoliden no tempo.

Tras tres meses de traballo, indicou a titular de Promoción do Emprego, a rede de polos comeza a colleitar os seus primeiros froitos. Deste xeito, remarcou a conselleira, xa se está a prestar apoio personalizado e permanente a 63 persoas emprendedoras axudándoas a desenvolver 55 proxectos empresariais. Ata o momento, destacou, se teñen celebrado ademais 200 sesións de titorización coas emprendedoras e emprendedores.

Entre os primeiros proxectos destacan as apostas nos sectores do turismo e o ocio, a alimentación, os servizos profesionais, o agro ou a fabricación de bens de consumo.

“Isto é só co comezo” indicou a conselleira, quen confirmou que o Goberno galego seguirá a traballar na rede de 12 polos que estarán en funcionamento en toda a Comunidade ao longo deste ano e o próximo. Lorenzana anunciou que antes de rematar 2022 porase en marcha un segundo polo na provincia da Coruña, concretamente na zona de Ferrolterra, e tamén o primeiro de Lugo, que estará situado en Monforte.

Os polos constitúen unha das principais actuacións da estratexia de emprego de Galicia Xempre Contigo, que avoga por avanzar na consecución dun mercado laboral mellor, máis preparado e interconectado, no que o emprendemento no territorio resulta clave polos beneficios que reporta na poboación e nas contornas, dixo a conselleira.

Apoio a autónomos e ao emprendemento

Lorenzana lembrou que a Xunta está tamén a fortalecer os negocios dos emprendedores xa constituídos. Destacou que a Xunta destinará en 2023 un total de 30 millóns de euros a unha nova liña específica, Impacto Autónomo, “para dar unha axuda de ata 1.200 euros a cada autónomo a maiores dos programas ordinarios que temos na consellería e intentar paliar as subidas de prezos, enerxéticas, de combustibles, de materias primas”. Trátase de minimizar o impacto no sector da actual conxuntura económica.

Tamén lembrou que se atopa co prazo aberto o novo programa Xempre Emprendemento que conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros para apoiar os gastos asumidos este 2022 polas iniciativas emprendedoras das persoas traballadoras autónomas, pemes ou cooperativas -nacidas desde o 1 de xaneiro de 2020 e que permanezan en activo- con achegas que van dos 3.000 aos 30.000 euros por beneficiaria.

7 de outubro de 2022 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.