publicidade hoxe

A láctea Kalekói de Lalín súmase á trintena de empresas adheridas ao selo de calidade de artesanía alimentaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLalínLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+
Entrega da acreditación aos representantes da empresa láctea

Entrega da acreditación aos representantes da empresa láctea

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou hoxe a adhesión da empresa láctea Kalekói ao selo de calidade Artesanía Alimentaria, ao facerlle entrega aos seus responsables das licenzas de uso da marca e das cartas de artesáns. Así, esta firma lalinense súmase á trintena de empresas e ás arredor de 50 persoas artesás rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

O director destacou que os produtos lácteos da firma lalinense Kalekói poderán diferenciarse agora no mercado co selo de Artesanía Alimentaria. Este distintivo garantirá que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.

Na súa intervención, José Luis Cabarcos lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral. Tamén fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.

No caso de Kalekói, cuxas instalacións están situadas en Lalín e a gandaría familiar da que se abastecen en Rodeiro, a principal materia prima é o leite, co que diariamente elaboran iogur e quefir, ademais de envasar leite pasteurizado. En 2020 apostaron por vacas cunha xenética seleccionada que permite obter leite carente de beta-caseína A1, e que dá lugar ao coñecido como leite A2, converténdose na primeira empresa galega que sacou ao mercado unha gama de iogures elaborados con este leite que permite unha mellor asimilación dos nutrientes ao noso organismo. Nos produtos manteñen a esencia dunha elaboración natural, conservando a receita familiar e coidando especialmente a materia prima.

Cómpre lembrar que hai tan só dúas semanas entregábanse as mesmas licenzas de uso e as cartas de artesáns aos responsables da cervexa artesá de Adegas Menduiña, das conservas artesás de froitas, hortalizas e marmeladas elaboradas polas Camposeiras e dos xeados artesáns de Xearte Brigitte, no marco do Galicia Fórum Gastronómico 2022 que se celebrou na Coruña.

Xornadas informativas

Precisamente para dar a coñecer o novo selo de Artesanía Alimentaria, a semana que vén hai programadas senllas xornadas técnicas en Lugo e Barbadás. A primeira terá lugar no edificio administrativo da Xunta ás 10,00 h. do martes 18 de outubro e a segunda á mesma hora do xoves 20 no Centro Empresarial Transfronteirizo.

Nestas xornadas, abordaranse os obxectivos deste selo e as condicións xerais para a produción de alimentos artesáns, ademais da normativa reguladora correspondente, o control e certificación da actividade artesá e a flexibilización das normas de hixiene. Tamén se tratará o propio proceso de inscrición no distintivo de Artesanía Alimentaria e o inicio da actividade artesanal.

A maiores, haberá un apartado sobre prácticas innovadoras, así como exemplos de normas técnicas e de produtos artesáns. Nesa liña, en Lugo tratarase -da man da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela (USC)- a norma técnica de elaboración de queixo artesán cun exemplo práctico ao final a cargo dunha queixería. No caso de Barbadás, o Centro Tecnolóxico da Carne dará a coñecer as peculiaridades da norma técnica de derivados cárnicos, mentres o exemplo do remate será de elaboración dun aceite de oliva artesán.

Os interesados nestas xornadas poderán apuntarse completando -no caso de Lugo- o formulario do seguinte enlace (https://forms.gle/znNwPcQHJ3mrzpFG8) e nestoutro (https://forms.gle/uGTCe2sHbgVGZxQFA) no caso de Barbadás. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 627 570 950 ou enviar un correo electrónico a artesaniaalimentaria.agacal@xunta.gal.

11 de outubro de 2022 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.