publicidade hoxe

A Estratexia galega de convivencia escolar 2025, dotada con 5,5 M€, inclúe un plan integral contra o acoso e o ciberacoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Rolda de prensa do conselleiro Francisco Conde

Rolda de prensa do conselleiro Francisco Conde

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou na súa reunión anual a Estratexia galega de convivencia escolar, Educonvives 2025, dotada con 5,5 M€. “O obxectivo é seguir mellorando a convivencia nas aulas galegas e avanzar cara a unha educación inclusiva, equitativa e de calidade”, indicou.

Conde subliñou que o Goberno galego leva “máis dunha década” impulsando medidas para garantir a boa convivencia escolar e agora dase un paso máis con esta nova Estratexia que, entre as principais novidades, “inclúe un plan integral contra o acoso e ferramentas para a saúde emocional e unha educación dixital responsable”, sinalou.

O documento, elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, aposta pola colaboración e o esforzo compartido con accións específicas dirixidas ao conxunto dos actores que conforman a comunidade educativa, como son o alumnado, os e as docentes, os centros educativos e as familias. Nel artéllanse catro eixes principais (convivencia positiva; cidadanía dixital, ética, segura e responsable; competencia emocional, e convivencia equitativa, inclusiva e con perspectiva de xénero) arredor dos cales parten nove liñas de impacto para desenvolver neste período.

Así pois, a execución desta estratexia supón un cambio de paradigma na xestión da convivencia, incidindo no desenvolvemento integral do alumnado, na prevención, na innovación, na coeducación e na educación emocional.

Para a súa implementación, a consellería creou un grupo de traballo composto por asesores docentes, directores de centros educativos, orientadores, inspectores e asesores dos centros de formación do profesorado. O documento inicial foi elevado ao Consello Galego de Convivencia (no cal tamén están representadas as organizacións sindicais e as anpa), para as achegas correspondentes. Agora, tras a súa aprobación no Consello da Xunta, o documento final será presentado mañá ante o Pleno do Consello Galego de Convivencia.

Para a posta en marcha do conxunto de accións recollidas na estratexia, a Xunta de Galicia prevé un investimento estimado de 5,5 M€ para o período ata 2025, dos cales a partida máis destacada –preto de 2,9 M€– é para o desenvolvemento dos contratos programa, seguido de 1,18 M€ para a formación do profesorado neste ámbito. Así mesmo, case 800.000 € se destinan ao deseño de recursos e publicacións que sirvan de ferramentas de traballo, e o resto do orzamento é para o deseño e elaboración de protocolos e para premios que visualicen as boas prácticas a prol da convivencia.

Plan integral contra o acoso

No eixe de convivencia positiva, entre as accións destacables inclúese a elaboración dun Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso en Galicia, coa finalidade de previr, detectar e combater todas aquelas situacións deste tipo.

O dito plan incluirá a actualización dos protocolos vixentes, o programa Comprométe-T (de compromiso coa intolerancia ante o acoso e o ciberacoso), actividades de sensibilización e fomento da educación na diversidade, campañas de concienciación ás familias e ferramentas de prevención, detección destas situacións, así como posibles intervencións coordinadas para lograr unha solución axeitada e eficaz.

Cidadanía dixital responsable

Este eixe está concibido para promover o respecto e a responsabilidade no uso das tecnoloxías e que as contornas dixitais sexan axudas e pontes para a prevención e resolución de conflitos en lugar de catalizadores deles, máxime cando este tipo de conflitos adoitan exceder o tempo e o espazo escolar.

Ao abeiro deste eixe vanse desenvolver unha serie de accións entre as cales cómpre destacar a guía Interacciona na era dixital, para o fomento das boas prácticas na rede, e o Programa de pensamento crítico na aula, así como unha guía de boas prácticas para a creación dunha identidade segura.

Comisións provinciais de seguimento de benestar e da convivencia

O terceiro eixe abrangue un conxunto de actuacións para a mellora do benestar emocional. “Vaise desenvolver un Plan de benestar emocional e crearanse comisións provinciais e autonómicas de seguimento de benestar e da convivencia nos centros educativos”, indicou Conde. Estas comisións terán un carácter multidisciplinar e transversal, para o cal se conta con profesionais dos ámbitos educativo, sanitario e social, entre outros.

Así mesmo, inclúense a revisión e actualización do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, que acaba de presentarse.

Perspectiva de xénero

Neste eixe, a estratexia recolle un Plan de coeducación, que abrangue a análise de datos estatísticos con perspectiva de xénero para identificar como afectan as situacións de violencia en función do sexo.

Así mesmo, reforzaranse os sistemas de detección da violencia de xénero sobre a poboación escolar e melloraranse os sistemas de resposta educativa ante a diversidade afectivo-sexual e a identidade de xénero.

Formación docente e diagnose da convivencia

A maiores dos catro eixes sinalados, e cunha abordaxe transversal, a estratexia inclúe dúas liñas específicas, unha vinculada á formación docente en convivencia, coeducación e educación emocional, e outra de diagnóstico e seguimento da convivencia escolar.

No que atinxe á diagnose, levarase a cabo a IV Enquisa de convivencia escolar, mantendo a rastrexabilidade e a consistencia dos anteriores cuestionarios, que inclúe tamén o informe de diagnose e os informes individualizados para os centros de xeito que, con base nesa información, poidan establecer os correspondentes plans de mellora.

Mellora continua

A Estratexia galega para a convivencia escolar 2025 dá resposta ao compromiso da Xunta co coidado e a mellora continua do bo clima nas aulas, polo que leva apostando desde hai máis dunha década con normativas e accións específicas que converten Galicia nun claro exemplo de boas prácticas neste eido, como reflicte o último informe PISA, que sitúa o alumnado galego nos primeiros postos en tolerancia e respecto a outras culturas, por riba da media de España e do conxunto dos países da OCDE.

Así pois, desde o ano 2010, o Goberno galego vén sentando as bases da convivencia escolar cunha normativa propia e cun paquete de actuacións entre as cales cómpre destacar a posta en marcha da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, o I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, a creación do Consello para a Convivencia Escolar de Galicia e as enquisas de diagnose.

Así mesmo, hoxe en día o 100 % dos centros educativos galegos de escolarización obrigatoria contan cun plan de convivencia e cunha comisión de convivencia no marco do seu proxecto educativo e, ao abeiro dos plans anuais de formación do profesorado, desenvólvese un amplo programa formativo do profesorado, que abarca desde a formación en centros ata cursos de especialización, ademais do módulo específico de inclusión, convivencia e igualdade, que desde a súa entrada en vigor certificou preto do 80 % do profesorado, máis de 1.000 actividades formativas a través das escolas de nais e pais e máis de 4.500 proxectos centrados en igualdade de xénero a través dos plans Proxecta.

13 de outubro de 2022 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.