publicidade hoxe

A Axenda Enerxética de Galicia 2030 achegará novas oportunidades para toda a industria, así como beneficios para a cidadanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, compareceu esta tarde na comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo para informar da Axenda Enerxética de Galicia 2030, da que destacou que achegará novas oportunidades non só ao sector, senón ao conxunto das principais industrias galegas, así como beneficios á cidadanía.

Fernández Vila, que explicou que a Axenda conta cun orzamento de 621,5 millóns de euros para o período 2022-2024 co que se prevé un investimento público-privado de 1500M€, subliñou que esta folla de ruta permitirá avanzar cara a neutralidade climática en 2050.

Os obxectivos son converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no ano 2050, diminuír a dependencia enerxética do exterior, descarbonizar os sectores económicos e sociais, posicionar a Comunidade como polo enerxético innovador e consolidar unha industria eficiente e sostible.

Para conseguilo, a Axenda fixa 56 medidas concretas ao redor de sete eixes de actuación. O primeiro centrarase no desenvolvemento de enerxías renovables. Así, buscarase un incremento desta tecnoloxía aproveitando os recursos enerxéticos locais. Tamén se aposta pola integración das enerxías limpas e o impulso do almacenamento enerxético, así como polo autoconsumo. Outra das medidas destacadas é a promoción dun Hub de hidróxeno renovable na Comunidade.

O segundo eixe xira ao redor da economía circular, para o que se contempla a valorización enerxética de residuos para autoconsumo, a incorporación dos gases renovables no sistema enerxético ou a implantación de solucións avanzadas. Por outra banda, en terceiro lugar, realizarase unha decidida aposta pola mobilidade sostible, fomentando fontes de enerxía renovable no transporte, así como a promoción do vehículo eléctrico.

O cuarto eixe ten como obxectivo a descarbonización dos diferentes sectores, centrándose nas empresas sostibles, na redución do consumo enerxético e o incremento da eficiencia nos edificios residenciais e nas propias administracións.

Tamén será un aspecto fundamental na nova Axenda o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, que constitúe o quinto eixe, a través de proxectos enerxéticos innovadores. En sexto lugar, estanse adoptando medidas para avanzar na transición xusta con plans de aforro enerxético para as familias, programas de formación de profesionais relacionados coas novas fontes de enerxía e a loita contra a pobreza enerxética. Destinaranse 33,6 millóns de euros a este obxectivo.

No sétimo eixe inclúense as pancas de financiamento que servirán para realizar todas as demais medidas de acordo aos requirimentos dos fondos europeos Next Generation, así como dos fondos de transición xusta, e desde o punto de vista da colaboración público-privada para obter un maior financiamento dos programas.

25 de outubro de 2022 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.