publicidade hoxe

Rueda subliña a urxencia dunha xestión áxil e eficaz dos fondos Next Generation para reforzar a contribución de Galicia ao desenvolvemento sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou este mércores a urxencia dunha xestión áxil e eficaz dos fondos europeos Next Generation para reforzar a contribución de Galicia ao desenvolvemento sustentable, a través dos seus principais proxectos empresariais innovadores.

Na súa intervención no I Observatorio de los Objetivos de Desarrollo Sostenible (ODS) Rueda sinalou a vontade de Galicia de liderar unha transformación industrial que teña na sustentabilidade un eixo prioritario, e puxo como exemplo tres iniciativas que están á espera de certezas por parte do Executivo central na asignación de fondos. Particularmente, os plans de Stellantis para construír en Vigo unha nova plataforma orientada á fabricación de coches eléctricos; os da multinacional xaponesa Showa Denko para elaborar ánodos de grafito na Coruña ligados á mobilidade sustentable; ou aos de Altri para levar adiante en Palas de Rei (Lugo) unha fábrica de fibras téxtiles, que permitiría a Galicia concentrar o 3% da produción mundial destes materiais de futuro.

A este respecto, o mandatario autonómico lamentou que unha ocasión como a dos fondos europeos estea a quedar diluída pola falta de axilidade na execución, logo de que o Goberno decidira centralizar a distribución dos recursos. Nesa liña, tendeu a man para ofrecer a experiencia xestora de Galicia na execución eficaz destes instrumentos.

O presidente da Xunta tamén fixo referencia a outros sectores con potencial nos que a Comunidade está a traballar, como o hidróxeno verde, as iniciativas de valorización de residuos gandeiros ou o desenvolvemento ordenado da enerxía eólica mariña.

Durante a súa intervención, tamén defendeu o traballo de Galicia por un cambio de paradigma ambiental que procura a apertura de novas empresas, en lugar de decretar o peche das que xa hai. Como contrapunto, sinalou que a Comunidade vén padecendo nos últimos tempos unha transición que non é tal, senón unha ruptura, como amosa o peche de Alcoa; a incerteza permanente sobre a central térmica de As Pontes, o cerco normativo que ameaza a continuidade de Ence en Pontevedra ou as 4.000 edificacións cuxa continuidade está cuestionada pola Lei de cambio climático. “É compatible un medio ambiente sustentable cun territorio con persoas con dereito á actividade económica”, afirmou.

Rueda destacou o interese de Galicia en seguir potenciando a súa condición de terra verde, tan valorada polo turismo e polos visitantes que acoden a Galicia neste dobre Ano Santo Xacobeo. E como proba dese indiscutible compromiso, lembrou a redución dun 36% na emisión de gases de efecto invernadoiro entre 1990 e 2020 –30 puntos por riba da media nacional—, que o 74% da produción enerxética da Comunidade proceda de fontes renovables ou fitos como a Alianza Galega polo Clima, na que participan institucións e grandes empresas.

Benestar social

En referencia ás metas de benestar social e igualdade de oportunidades recollidas nos ODS, o titular do Goberno galego subliñou que a Comunidade será a primeira comunidade na que a educación será totalmente gratuíta para todos os nenos, en todas as escolas e durante toda a xornada, cun aforro por familia de ata 2.000 por fillo. Aposta que tamén se estende á educación media, cun incremento do 50% no investimento en libros de texto; e na educación superior dado que a Universidade galega é a máis accesible de España.

Todas eses propósitos, agregou, non se poderían atender sen prestar atención á sustentabilidade das contas. Nesa liña, Rueda avanzou que, grazas a ser a comunidade de réxime común con menor endebedamento desde 2009, o Parlamento autonómico aprobará nas vindeiras semanas uns Orzamentos que contemplarán novas rebaixas fiscais para axudar as familias: entre elas a equiparación a efectos de IRPF das familias de dous fillos coas numerosas; ou a actualización das axudas sociais conforme á inflación.

Por último, Rueda reivindicou que o papel das institucións para xerar benestar. “A nosa misión consiste en achegar claridade, oportunidades e estabilidade”, aseverou. Por esa razón fixo un chamamento a manter a salvo da incerteza actual aquelo que dá resultados, como os debates sosegados, a eficacia na xestión e a credibilidade institucional.

14 de setembro de 2022 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.