publicidade hoxe

Rueda sinala a estrea do novo Centro de Innovación da FP como un salto adiante para estas ensinanzas en Galicia, que neste curso acadan un novo récord de alumnado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+
Visita ao novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional

Visita ao novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que a estrea do novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, en Ourense, supón un salto adiante para este tipo de ensinanzas en Galicia, que neste curso acadan un novo récord de alumnos matriculados.

O titular do Goberno galego incidiu en que, na actualidade, a Formación Profesional e a realidade laboral van en paralelo e que esta fórmula de ensinanza ten experimentado unha revolución silenciosa, aínda que os datos sexan ben elocuentes, como proban as elevadas taxas de inserción laboral, que se sitúa no 85% e aumenta case ata o 100% na FP Dual; o incremento da oferta en máis de 1.700 prazas; as 800 empresas que colaboran coa FP Dual; ou o crecente número de estudantes.

A falta de pechar os datos definitivos, xa hai 59.700 matriculados para este curso 2022/2023, unha cifra que supera en máis de 900 alumnos e alumnas o rexistro do ano pasado e que pasará dos 60.000 cando se peche a matriculación. “É unha opción educativa potentísima pola que moitos xa optan en primeiro lugar”, afirmou.

Sobre as novas instalacións, Alfonso Rueda destacou que se trata dun proxecto de país cuxa influencia situará a Ourense como polo de innovación en Formación Profesional a nivel nacional, logo de investir 10 millóns de euros entre a Xunta e a Deputación de Ourense. “Son uns cartos perfectamente investidos”, sentenciou, e abundou en que “era imprescindible facer un centro que se dedicase exclusivamente á FP e xa está dando os seus froitos”.

O centro forma parte dunha aposta continuada da Xunta por este tipo de ensino, que xa ten trazada unha folla de ruta para os vindeiros anos, como é a Estratexia Galega de Formación Profesional, que conta cunha dotación de 900 millóns de euros para reforzar estes estudos ata 2024, centrándose en piares como a internacionalización de alumnado e docentes, a mellora dos espazos e o impulso ao emprendemento.

Centro de Innovación “Eduardo Barreiros”

Alfonso Rueda destacou que este novo centro proxecta espírito de modernidade alá onde se mire, ben sexa nos espazos, nas áreas que abordará e mesmo no propio nome, xa que adquire o de Eduardo Barreiros, ourensán de Nogueira de Ramuín que revolucionou a industria da automoción española coa súa patente de transformación de motores gasolina a diésel.

O presidente galego afirmou que estas instalacións farán posible aproveitar todo o dinamismo da Formación Profesional e o seu contacto estreito coa realidade empresarial de cara á mellora da oferta educativa. Deste xeito, permitirá poñer a disposición das empresas recursos humanos cualificados conforme as súas necesidades, promover e coordinar proxectos de innovación entre os centros de Formación Profesional; e reforzar a aposta pola innovación e o pulo emprendedor nos centros.

Para dar ese salto de calidade, o novo centro vai focalizar a súa actividade en seis áreas específicas, dotadas de cadanseu equipamento de primeiro nivel: industria 5.0, para afondar en robótica ou ciberseguridade; fabricación aditiva, como a impresión 3D; enerxía e sustentabilidade ambiental para traballar en hidróxeno verde, eólica ou biomasa; gastronomía multisensorial, tanto en degustación como en preparacións culinarias innovadoras; biotecnoloxía aplicada, na sanidade, no agro ou no medio ambiente; e experiencias de inmersión para mellorar a contorna de aprendizaxe con espazos interactivos. “Levo unha visión de cousas das que sentirme orgulloso de que isto se estea facendo en centros de Formación Profesional en Galicia, por xente que vive aquí e que quere seguir vivindo aquí”, concluíu.

21 de setembro de 2022 | 19:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario