publicidade hoxe

Rueda anuncia unha nova liña de investimento para crear en colaboración cos concellos máis de 3.400 novas prazas en escolas infantís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente galego

Intervención do presidente galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou unha nova liña de investimento para crear en colaboración cos concellos máis de 3.400 novas prazas en escolas infantís, un 11% máis das que existen a día de hoxe, logo da súa aprobación na reunión de mañá do Consello do Goberno galego.

En resposta ás preguntas dos grupos na Cámara, Rueda subliñou que con esta decisión a Xunta completa a súa aposta pola conciliación, pois este ano Galicia é a primeira comunidade de España en implantar a educación infantil gratuíta para todos os fillos e en todas as escolas. Unha medida que permitirá aforrar entre 1.500 € e 2.000 € anuais por neno a 30.000 familias.

Tamén para apoiar ás economías domésticas ante a inflación, o titular do Executivo autonómico avanzou que este xoves o Consello aprobará a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, cos que 160.000 galegos poderán acceder a 30 € de desconto en pequenos establecementos, cunha mobilización prevista de 17 M€.

Así mesmo, Rueda lembrou que os novos Orzamentos nos que está traballando a Xunta actualizarán as axudas para as persoas máis vulnerables de acordo coa inflación, ademais de incluír novas rebaixas fiscais.

O presidente fixo igualmente fincapé nas medidas activadas polo Goberno galego para estar ao carón dos fogares, entre as que destacou o transporte público gratuíto para menores de 21 anos e as bonificacións do 50% que está a aplicar nos autobuses da Xunta desde o pasado 1 de setembro; o calendario de vacinación infantil máis completo de España –que permitirá aforrar 300 € ás familias—; ou o complemento do Bono Social Térmico para axudar a pagar a factura de 66.000 fogares. Apoios que se unen aos destinados no ámbito empresarial, como os 30 millóns de euros en novas liñas de avais de Igape, os 28 millóns en préstamos para industria manufactureira ou os 17 millóns de euros en axudas directas ao sector cárnico a través de anticipos coas entidades financeiras a custo cero para os gandeiros.

Sanidade e educación

No eido sanitario, puxo en valor os esforzos para mellorar a sanidade pública, como os 840 millóns de euros máis dedicados a orzamento sanitario que respecto a 2009; o incremento de persoal en 6.500 efectivos; un centenar de centros de saúde novos ou renovados no mesmo período; 82 millóns consignados para equipamento ou a recente convocatoria de 106 prazas para cubrir postos de difícil cobertura, que se incrementarán ata superar as 200 a través das novas convocatorias que se realicen ao abeiro da nova Lei remitida ao Parlamento para paliar o déficit de persoal.

Na mesma liña, solicitou do grupo parlamentario nacionalista apoio para trasladar ao Goberno central a convocatoria de prazas MIR extraordinarias ou a creación da especialidade médica de Urxencias e emerxencias.

De cara ao novo curso educativo, Rueda enfatizou que os centros contarán con 500 docentes máis que antes da pandemia, e insistiu no respaldo aos fogares a través dun investimento de 26 M€ para libros de texto e material escolar –un 50% máis que no curso anterior—, 50 millóns en axudas para comedores escolares, 120 millóns para financiar o transporte escolar ou, por décimo segundo consecutivo, as taxas universitarias máis baixas de España.

Finalmente, acerca da aplicación da Lomloe, incidiu en que, malia o retraso do Goberno central, en Galicia os currículos son coñecidos polos centros e editoriais desde o mes de abril; e sinalou que a Comunidade reforzará os contidos en Historia e Filosofía, as competencias básicas e traballará para preservar que se sexa necesario unha nota igual ou superior a 5 para aprobar as materias.

14 de setembro de 2022 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.