publicidade hoxe

O Sergas publica a relación definitiva de admitidos e a resolución provisional do concurso de traslados aberto e permanente do ano 2022

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se publica a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas; e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2022 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas do persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

Este é o quinto ciclo deste proceso de concurso aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

Participan neste concurso de traslados un total de 3.328 profesionais pertencentes a 67 categorías de persoal estatutario.

No caso das especialidades de cirurxía ortopédica e traumatoloxía e medicina interna (categoría de persoal facultativo especialista de área), adiantouse a publicación da resolución provisional do concurso de traslados aberto e permanente do ano 2022, ao día 12 de agosto, co obxecto de poder incorporar aos profesionais destas especialidades o antes posible.

No proceso deste ano ofertáronse un total de 7.936 destinos, resultando adxudicatarios/as de praza un total de 897 profesionais. Por titulacións, adxudícanse 211 destinos de persoal licenciado sanitario, 397 de persoal diplomado sanitario, 87 de persoal sanitario de formación profesional e 202 de persoal de xestión e servizos.

A categoría con máis adxudicacións é enfermaría, cun total de 376 destinos adxudicados, seguida de médico/a de familia con 121, persoal de servizos xerais con 76, grupo auxiliar da función administrativa con 61 e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría con 59 , cun total de 57.

Por áreas sanitarias, A Coruña-Cee, Vigo e Santiago-Barbanza son as que incorporarán o maior número de profesionais, cun total de 199, 173 e 154, respectivamente.

Un total de 70 profesionais proceden de fóra de Galicia, dos que 23 corresponden á persoal licenciado sanitario de diferentes especialidades.

Por tramos de idade, un total de 33 profesionais teñen menos de 40 anos, 579 teñen unha idade comprendida entre 40 e 55 anos, e 285 superan esta idade. Do total de persoas adxudicatarias o 78,34 % son mulleres.

As listas coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Os/as concursantes admitidos/as dispoñen dun prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

As reclamacións presentadas, entenderanse rexeitadas ou admitidas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolva definitivamente o concurso de traslados.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os/as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: concurso.traslados@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

15 de setembro de 2022 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.