publicidade hoxe

O proxecto Julio Verne en Vigo será unha peza clave no futuro Hub Hidróxeno Verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+
Presentación do proxecto Julio Verne en Vigo

Presentación do proxecto Julio Verne en Vigo

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá en Vigo que o proxecto Julio Verne será unha peza clave no futuro hub do hidróxeno verde.

Conde asistiu á presentación desta iniciativa 100% desenvolvida en Galicia e promovida maioritariamente por pemes -Univergy, Soltec Ingenieros e Quantum Group- co apoio da Autoridade Portuaria de Vigo e Anfaco. Subliñou que se trata dun proxecto pioneiro en España e Europa polas diferentes aplicacións que terá o hidróxeno verde, desde consumos industriais, a transporte e mobilidade tanto terrestre como marítima, con usos no naval, a automoción, o sector industrial e as enerxías renovables. “Trátase dun proxecto transversal cun importante papel na xeración, pero sobre todo nos usos”, asegurou Conde quen destacou que a iniciativa contribuirá a posicionar Galicia no mapa das renovables. Este proxecto suporá un investimento de 6M€, unha redución de emisións de case 2900 toneladas de CO2 ao ano e a creación de máis de medio centenar de empregos, entre directos e indirectos.

O vicepresidente económico incidiu en que o futuro das renovables pasa polo hidróxeno verde, unha nova tecnoloxía que se impulsa desde a Axenda Enerxética de Galicia 2030 co obxectivo de facer da Comunidade un polo enerxético innovador. Así, lembrou que esta folla de ruta recolle obxectivos como integrar no mix enerxético novas fontes de enerxía renovable como o hidróxeno verde ou crear un hub co obxectivo de obter 100.000 toneladas ao ano de hidróxeno verde. Deste xeito, o proxecto Julio Verne, será unha peza fundamental xunto con outras iniciativas como as promovidas por Reganosa e EDP Renovables, ou o prevista por Repsol e Navantia.

Conde incidiu en que este é o momento de dar o salto de calidade nas enerxías renovables e na diversificación tecnolóxica, tal e como se lle trasladou ao Goberno como proposta a incorporar no Plan de continxencia, porque son necesarias para facilitar a caída do prezo eléctrico e para garantir a competitividade empresarial e industrial. Tamén se referiu ao Perte de enerxías renovables como panca de apoio necesaria para impulsar este sector no país e lembrou que Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis xeración eléctrica de orixe renovable.

6 de setembro de 2022 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.