publicidade hoxe

O presidente da Xunta anuncia o impulso en Galicia da primeira plataforma experimental de eólica mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaLugoPontevedraPortada esquerda
A-
A+
Comparecencia do presidente da Xunta

Comparecencia do presidente da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego impulsará na Comunidade a primeira plataforma experimental de eólica mariña que permitirá testear prototipos flotantes e realizar estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade. Trátase dunha das actuacións que recolle o Protocolo Xeral de Actuación que o Consello da Xunta acordou hoxe asinar coa Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica de España.

O obxectivo é establecer liñas de colaboración que contribúan ao adecuado desenvolvemento das enerxías mariñas en Galicia desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema, xa que, ademais desta infraestrutura singular, tamén se incidirá na xeración de coñecemento e a elaboración de estudos pois “Galicia conta cun dos principais recursos eólicos mariños non só en España, senón de Europa, tanto na potencial xeración de enerxía como no desenvolmento tecnolóxico e industrial”, sinalou o líder do Executivo galego.

A este respecto, o presidente do Goberno autonómico apuntou que “o 74% da produción enerxética en Galicia xa procede de renovables” con todo, “seguimos camiñando con paso decidido para contar co 100 %” de tal forma que para o ano 2050 se poda acadar a neutralidade climática.

Cun investimento de ao redor de 12M€, prevese que a zona experimental se localice a 10 quilómetros da costa fronte ao porto exterior da Coruña. Incluirá entre dous e tres aeroxeradores, polo que poderá acadar unha potencia total de 30MW. Este proxecto xorde dos traballos realizados no marco do Observatorio da eólica mariña e será unha das infraestruturas de referencia do Polo da innovación de enerxías mariñas e almacenamento enerxético no que traballa o Goberno galego.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia agarda optar tanto ás axudas para proxectos piloto, plataformas de ensaio e infraestruturas portuarias para as renovables mariñas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; como aos fondos do Perte de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento.

Neste sentido, desde o Goberno galego, Rueda sinalou que “agardamos que o Goberno central presente canto antes os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM)”, porque ningún promotor pode tramitar un proxecto de eólica mariña ata que o Executivo delimite estas zonas. Un asunto sobre o que, segundo incidiu o líder autonómico, a propia Comisión Europea ten solicitado que se axilice. Sen esta folla de ruta ningún promotor pode tramitar un proxecto de eólica mariña ata que o Goberno delimite estas zonas.

Galicia conta cun dos principais recursos eólicos mariños de Europa, tendo o potencial de converterse nun referente neste ámbito e sempre coa premisa do respecto e a compatibilidade co resto de actividades que xa se desenvolven no ámbito mariño. Así, un adecuado desenvolvemento da tecnoloxía eólica mariña na nosa comunidade pode supoñer unha oportunidade para un maior aproveitamento do potencial renovable de Galicia, un mellor posicionamento e mellora da competitividade das empresas e industrias galegas, e un reforzamento das actividades que xa se veñen desenvolvendo no mar.

22 de setembro de 2022 | 19:16 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario