publicidade hoxe

Lete Lasa asegura que o Campionato de España de Xadrez de Sanxenxo dará “xaque mate á pandemia” e desexa o ascenso aos dous equipos galegos

Lete Lasa na presentación do campionato

Lete Lasa na presentación do campionato

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Campionato de España de Primeira División de Xadrez que terá lugar no Salón Silgar do Gran Talaso Hotel de Sanxenxo do 16 ao 23 de setembro. Lete Lasa lembrou o papel importante das nais dos grandes campións mundiais de xadrez, Kárpov e Kaspárov, para apuntar que “o xadrez é un compañeiro ideal para os nosos nenos e nenas, un estímulo que esperta axilidade mental e a óptima condición física dos máis pequenos e que casa a perfección co Plan Galicia Saudable”.

Neste sentido lembrou que o xadrez é unha das modalidades da actividade deportiva escolar e federada dentro do programa Xogade que xunta toda a oferta deportiva e lúdica en idade escolar promovida pola Xunta de Galicia e que promove e fomenta a práctica da actividade física na poboación escolar, entre 6 e 16 anos. Os últimos datos, a pesar de vir de dous anos de pandemia, acreditan que o xadrez conta con máis de 3.200 participacións na tempada 2021/2022: 2.203 xadrecistas federados e 1.026 xadrecistas escolares.

Segundo Lete Lasa, “eventos como este Campionato de España de Primeira División de Xadrez son o mellor acicate para que estes nenos e nenos sigan apostando polo deporte e que continúen soñando que algún día poderán alcanzar as cotas de éxito dos grandes mestres internacionais que se darán cita esta semana en Sanxenxo”. O mandatario galego asegurou que este Campionato de España é unha razón máis para “dar xaque mate á pandemia” e desexou o ascenso á máxima división nacional aos dous clubs galegos que competirán nel: o Club Deportivo Xadrez Ourense e o Club Xadrez Fontecarmoa Viaxes Interrias Sanxenxo, que xogará na casa.

O Campionato de España de Primeira División de Xadrez contará coa participación de oito equipos de todo o país que xuntarán 90 xadrecistas entre os que destacan 17 estranxeiros, 19 Grandes Mestres e 40 Mestres Internacionais. No que atinxe aos xadrecistas galegos -serán un total de 19- o mandatario galego destacou a participación de Iván Salgado, que foi campión de España en 2017. Tamén destacou a presenza dos dous números un españois: Paco Vallejo, que foi campión nacional en cinco ocasións e Sabrina Vega, que se corou como raíña nacional en oito exercicios.

15 de setembro de 2022 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.