publicidade hoxe

Galicia promociona na feira Seafood Expo Asia os seus produtos do mar xunto con 8 empresas coexpositoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Antonio Basanta durante a súa visita á décima edición da Seafood Expo Asia

Antonio Basanta durante a súa visita á décima edición da Seafood Expo Asia

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou hoxe a importancia de que as empresas galegas do sector pesqueiro, marisqueiro, acuícola e transformador asistan ás principais feiras sectoriais mundiais para mostrar a excelencia dos seus produtos e impulsar as exportacións. Así o constatou durante a súa visita á décima edición da Seafood Expo Asia, que se celebra en Singapur desde onte e ata mañá e na que a Xunta participa cun stand de 126 metros cadrados xunto a oito empresas coexpositorias e un centro de negocios.

O representante do Executivo autonómico sinalou que este evento, considerado unha das citas máis importantes no mercado mundial do peixe e marisco, supón un gran escenario para os produtos galegos ao reunir a provedores da industria de todo o mundo con compradores de toda Asia, un mercado moi importante ao tratarse dun gran consumidor, importador e produtor deste tipo de alimentos.

Neste sentido, lembrou a aposta de Galicia por acudir a este tipo de eventos para achegar a máis lugares a excelencia e innovación da cadea mar-industria da comunidade, lembrando que este ano a comunidade estará presente en máis dunha ducia de certames.

No que resta de ano, ademais desta feira de Singapur, a Xunta participará en Expomar Mindelo de Cabo Verde (do 29 ao 30 de setembro) e na SIAL 2022 de Francia (do 15 ao 19 de outubro), que se suman á Seafood Expo North América de Boston celebrado o pasado mes de marzo e a Fish International de Bremen, que tivo lugar a pasada semana nesta cidade alemá.

Con esta participación, a Xunta pretende avanzar na internacionalización do sector marítimo-pesqueiro galego así como aumentar os seus ingresos económicos e impulsar a xeración de emprego. Así mesmo, impúlsanse as campañas de promoción dos produtos pesqueiros para potenciar o seu consumo, unha práctica que repercute na mellora da saúde dos cidadáns polas súas achegas nutritivas e o seu baixo aporte calórico.

A Consellería do Mar participa neste evento cun posto de 126 metros cadrados que alberga a oito empresas coexpositoras: Cassua, Pasteurizados Cíes, Sepink Hispania, Real Conservera Española, Frioantartic, Fesba, Worldwide Fishing Company (Wofco), e Atunlo. Ademais, a compañía Copemar participa a través do centro de negocios dispoñible no stand galego.

Así mesmo, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica acompañou á embaixadora de España en Singapur na súa visita ás empresas expositoras na Seafood Asia e achegouse aos postos das empresas de capital galego que están presentes no certame a través dos postos doutros países, como as procedentes de Arxentina.

A maiores, a Xunta tamén organizou onte no primeiro día de feira un showcooking a cargo do chef lucense Álvaro Villasante, integrante do grupo Nove, no espazo denominado Demo Theater que o certame ten habilitado para este tipo de demostracións gastronómicas. Así, o cociñeiro galego presentou aos visitantes un prato a base de agulla en conserva, outro de chili crab de Mexillón de Galicia e un de polbo con vinagreta de cítricos con toques de lima e coco.

A feira

A edición deste ano da Seafood Expo Asia recupera o seu programa de encontros comerciais para facilitar reunións específicas entre expositores, compradores e importadores. Ademais, contará cunha planta para a exhibición de provedores internacionais de produtos mariños frescos, refrixerados, conxelados, enlatados e de gran valor engadido, así como de servizos e un programa de conferencias que cubrirán os temas máis relevantes da industria en Asia e no mundo.

A última edición da feira acudiron máis de 7.800 profesionais do sector procedentes de 66 países e contou con máis de 200 expositores de 34 países diferentes, polo que supón un gran escaparate para as empresas do sector de Galicia para comezar ou facer medrar os seus negocios no exterior e expandirse.

15 de setembro de 2022 | 19:12 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario