publicidade hoxe

Galicia conmemora o Día Mundial do Alzheimer remarcando a importancia de establecer accións que melloren a calidade das persoas que padecen esta enfermidade e dos seus familiares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Galicia conmemora o Día Mundial do Alzheimer, que se celebra hoxe, baixo o lema; “InvestigAcción. No itinerario da demencia”. Ao respecto desta xornada, o departamento sanitario galego subliña que a demencia é o resultado dunha enfermidade que dana cada vez máis ao cerebro ao longo do tempo. Ademais, pode afectar a calquera persoa, indistintamente da súa procedencia e non forma parte do proceso de envellecemento. A pesar de que a demencia é máis común entre as persoas de máis idade, a mocidade tamén pode padecela.

O alzheimer é a forma máis común da demencia (60-80%), se ben hai outras enfermidades que poden producir demencia. Destrúe células cerebrais e os nervios, interrumpindo os transmisores que levan mensaxes ao cerebro, particularmente aqueles responsables do almacenamento dos recordos. Estímase que as demencias afectan ao 12,5% das persoas maiores de 65 anos.

As persoas que se diagnostican ao ano en Galicia de alzheimer e outras demencias sitúase ao redor das 6.300, sendo na actualidade o número total de pacientes diagnosticados destas patoloxías na nosa comunidade de preto de 30.000. As consultas de pacientes con alzhéimer e outras demencias realizadas polo Sergas en atención primaria no pasado ano foron un total de 715.753.

Formación continuada

Dende a Subdirección de Atención Primaria do Sergas vense asinando un convenio anual coa Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer (FAGAL) que, neste ano, ascendeu a 72.771 euros, un 3,19% máis que no ano 2021. Entre os obxectivos do convenio están a formación continuada dos profesionais que traballan ou colaboran coas asociacións, así como o deseño e desenvolvemento coas asociacións federadas de programas de formación e coidados das persoas coidadoras.

Tamén se contemplan no convenio tarefas de sensibilización social, información, orientación e asesoramento a familiares e persoas coidadoras; o deseño e desenvolvemento conxunto coas asociacións federadas de programas psicoeducativos; e a difusión de cuestións relacionadas coa atención das persoas con esta doencia, así como das que se encargan dos seus coidados.

O programa obxecto do convenio desenvólvese nos concellos de Ferrol, Fene, Cabanas, Pontedeume, A Coruña, Betanzos, Culleredo, Oleiros, Carballo, Malpica, Cee, Fisterra, Vimianzo, Santiago de Compostela, Ames, Ribeira, Rianzo, A Estrada, Silleda, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Poio, Marín, Moaña, Bueu, Cangas, Vilaboa,Vigo, Porriño, Tui, Ponteareas, Salceda de Caselas, Nigrán, Ourense, Ribadavia, O Carballiño, Chantada, Monforte de Lemos, Quiroga, Lugo, Vilalba, Viveiro e Burela.

Preto de 40 actividades formativas relacionadas co alzhéimer e a demencia

É necesario remarcar que a Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (FAGAL), pertence ao Consello Asesor de Pacientes de Galicia dende a súa creación, o 22 de agosto de 2011. Así mesmo, en todos os Consellos Asesores de Área de todas as áreas sanitarias existe respresentación dalgunha asociación de alzhéimer adscrita a FAGAL. Asemade, sinalar que FAGAL e as súas entidades membro colaboran coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns da Consellería de Sanidade en diversas actividades formativas. En concreto, no que vai de ano, realizáronse nesta Escola 25 talleres relacionados co Alzhéimer e coa demencia, quedando pendentes de realizar outros 12 a partir de outubro.

Sinalar, así mesmo, que no ámbito da nosa Comunidade, o modelo de atención na saúde mental dá prioridade á atención e á integración social da persoa enferma, debéndose levar a cabo programas de achegamento á poboación xeral, e en especial, de non discriminación deste colectivo. Tanto a Consellería de Sanidade como Fagal consideran de particular importancia establecer, por tanto, accións conxuntas para mellorar a calidade de vida destas persoas e dos seus familiares no seu domicilio, promovendo a divulgación da enfermidade e dando a coñecer a importancia real que ten o alzhéimer.

21 de setembro de 2022 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.