publicidade hoxe

Fernández-Tapias responsabiliza ao alcalde de Vigo de privar aos vigueses dun aforro de ata 464 euros anuais nos seus desprazamentos en autobús urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, defendeu hoxe que os beneficios que suporía a inclusión de Vigo no plan de transporte metropolitano superan con creces os descontos anunciados este luns polo Goberno central. “Estamos a falar dunha bonificación de entre o 40 e o 50 por cento, da que na actualidade se están a beneficiar máis de 100.000 veciños da área viguesa”, anotou.

Neste sentido, a representante autonómica responsabilizou ao alcalde de Vigo de privar aos vigueses dun aforro de anual de ata 464,64 euros nos seus desprazamentos cotiás en autobús urbano, cos transbordos gratuítos que se inclúen no transporte metropolitano de Galicia. “A súa negativa a adherirse impide aos nosos veciños acceder desde fai 6 anos ás mesmas vantaxes e descontos das que desfrutan na Coruña, Santiago ou Lugo”, afirmou. Deste modo, apuntou que o 30% de desconto anunciado pola ministra Isabel Rodríguez no prezo do Vitrasa está moi lonxe dos aforros medios que suporía a súa inclusión no plan autonómico”, que ademais poderían sumarse, como se fai nas outras capitais galegas.

Como exemplo detallou que, con 528 transbordos urbanos de media ao ano, os veciños da Coruña afórranse por usuario 396 euros, os de Santiago 316,80 euros e os de Lugo 237 euros, cifra que no caso de Vigo se dispararía ata os 464,64 euros de non ser pola “cerrazón do alcalde”. “Nos últimos 6 anos os vigueses terían aforrado preto de 3.000 euros por usuario se non fóra polo empecinamento do alcalde de non incorporarse ao plan de transporte metropolitano de Galicia”, incidiu Fernández-Tapias.

A delegada lamentou así que Caballero non aproveitara onte para anunciar a incorporación de Vigo a un plan cun importante calado social e “moi especialmente nos difíciles tempos actuais”. “Máxime -dixo -cando os vigueses soportan o autobús urbano máis caro de todas as cidades de España”. Por tanto, insistiu, “o Concello de Vigo é o único responsable de que os vigueses non se beneficien de maiores aforros nos seus desprazamentos ao non formar parte do plan de transporte metropolitano, pola súa permanente confrontación coa Xunta de Galicia.

Segundo detallou, o Goberno achega anualmente máis de 1,2 millóns de euros para financiar os descontos do 80% que se aplican nos billetes interurbanos na área de Vigo, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50%.

Entre os 12 concellos que conforman esta área de transporte (Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior), achegan un importe de 283.000 euros ao ano.

Asemade, lembrou que coa Tarxeta Xente Nova os mozos vigueses, menores de 21 anos, viaxan gratis por toda Galicia nos buses da Xunta. En total o Executivo autonómico financia máis do 76% do custo das 3.400 liñas de transporte interurbano que operan na actualidade na Comunidade, ás que se destinan 80 millóns de euros ao ano.

O Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo ten incrementado en preto do 6% o uso do transporte público desde a súa posta en marcha -en abril de 2015-, pese á pandemia da covid-19, que supuxo restricións de mobilidade, permitindo a realización de 17,5 millóns de viaxes bonificadas. Cómpre subliñar que esta suba na demanda do transporte público na área situábase en máis do 21% desde a posta en marcha do Plan ata o ano 2019, previo á pandemia.

En canto á modalidade de transporte, a delegada cifrou en un 70% as viaxes bonificadas no transporte de ría entre Vigo e as vilas de Cangas e de Moaña, unha singularidade nesta área que, a partir de hoxe e ata o 31 de decembro, beneficiarase da máxima bonificación (50%) que a Xunta asumirá con fondos propios.

1 de setembro de 2022 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.