Fernández-Tapias remarca a importancia estratéxica das competicións náuticas como polo de atracción turística
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu hoxe á presentación do Campionato de J80-Trofeo Gestilar, que se disputará do 16 ao 18 de setembro, e que reunirá na baía de Baiona ás mellores embarcacións da frota nacional.
Durante a súa intervención, a representante autonómica remarcou a importancia estratéxica das competicións náuticas como polo de atracción turística, por canto contribúen á promoción “do noso litoral como un auténtico campo de competición e a visibilizar a riqueza paisaxística da costa galega”, dixo.
Fernández-Tapias felicitou ao Monte Real Club de Yates de Baiona por este segundo ano como anfitrión do Campionato de España tras o éxito da celebración do 2018 e gabou a calidade técnica e profesional dos regatistas galegos que compiten nesta categoría. A delegada atribuíu así ao club baiones, que o vindeiro ano acollerá o Mundial de J80, que na actualidade sexa unha das clases máis numerosas e exitosas da vela española, con 190 unidades das que 130 compiten en diferentes puntos do país.
“Voso foi o empeño por impulsar esta clase en Galicia e en España e a día de hoxe o obxectivo está cumprido”, sinalou, para engadir que a cita internacional que o Monte Real Club de Yates celebrará o vindeiro ano “é un reto importante, pero tamén un recoñecemento ao esforzo que sempre puxestes neste proxecto”.