publicidade hoxe

Ata o 15 de setembro se poden solicitar as axudas directas para o sector cárnico que buscan paliar a suba de custos de produción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta lembra que os gandeiros galegos do sector cárnico poden solicitar ata o próximo xoves 15 de setembro máis de 17 millóns de euros en axudas directas e extraordinarias, co gallo de paliar a suba de custos de produción agravada tras a invasión rusa de Ucraína. Así, os produtores poderán recibir estes cartos de xeito inmediato, grazas a unha operación de anticipo a un ano acordada coas entidades financeiras que se fará con custo cero para os beneficiarios.

Coas novas subvencións -cuxo anticipo se publicou o pasado 29 de xullo no Diario Oficial de Galicia (DOG)- prevense igualar as axudas do Estado nos sectores de vacún de cebo, ovino, cabrún, avícola e cunícola. Mentres, no caso do vacún en extensivo, increméntanse as achegas do Goberno central nun 46%, ata os case 14,6 millóns de euros.

Máis apoios ao sector

As axudas súmanse a outras medidas da Xunta para apoiar o sector cárnico como o protocolo de entendemento histórico asinado en marzo entre todos os elos da cadea de valor para frear a venda a perdas ou o deseño da Estratexia de dinamización do sector da carne, chamada a dar un novo pulo á produción e ao consumo.

A maiores, cómpre recordar os 200 millóns convocados en adiantos das axudas da PAC, a liña de financiamento de circulante para explotacións de gando bovino -dotada con 5 millóns, que pode alcanzar os 25 millóns en préstamos concedidos-, e os 1,4 millóns -a metade correspondentes a fondos do Goberno galego- activados en colaboración coa indicación xeográfica protexida Ternera gallega para promocionar a nivel nacional o selo Ternera Gallega Suprema.

12 de setembro de 2022 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.